
Galiza Nova denunciou publicamente desde a Costa da Morte, xunto ao BNG, a involución de dereitos que estamos a sufrir as mulleres en todos os ámbitos das nosas vidas e perante a reforma do aborto, que o patriarcado español nos impón da man do PP, supoñendo un retroceso á lexislación da ditadura franquista, eliminando a posibilidade de interrompermos voluntariamente o noso embarazo de maneira libre, e cinxíndoa aos tres supostos da Lei do ano 1985, deixándonos ás mozas de 16 e 17 anos, nunha situación de total desamparo.
Esta repenalización do aborto non é máis que a expresión da máis fascista das ideoloxías, compartida polas asociacións ultraconservadoras do Estado, como Red Madre ou o Foro de la Familia, prohibíndonos decidir sobre a nosa maternidade, e situándonos ademais, como un dos estados europeos máis retrógrados.
Ademais de intencionar unha caza de bruxas, onde moitas mulleres se vexan imputadas e implicadas en xuízos, con resultados condenatorios, fica claro que esta norma, lonxe de diminuír o número de abortos, vai aumentar os abortos clandestinos e de risco, especialmente para as persoas con menos recursos, facéndonos xogar coa nosa saúde sen ningún tipo de reparo.
Sabemos polas nosas nais e avoas, que as viaxes secretas a Londres eran frecuentes para quen puidese pagar o billete de avión. Mais de non ser así, non quedaba outra que as infusións de ruda, pirixel e as agullas de calceta.
Feijóo tamén quere mandar no noso corpo
Se xa non tiñamos abondo cos poderes patriarcais centralistas, a complicidade do PP esténdese até a Xunta de Galiza, Feijóo tamén quere mandar no noso corpo, suprimindo a rede de asesoramento afectivo-sexual Quérote, aprobando un modelo de familia irreal, que presenta a súa Lei de Familia, sen en ningún momento, reparar na necesidade da educación sexual para as mozas e mozos.
Desde a Asemblea de Mulleres de Galiza Nova da Costa da Morte esiximos a retirada inmediata da “contrarreforma” do ministro Gallardón e chamamos a todas as mozas da comarca a rexeitar esta ofensiva do PP contra a soberanía dos nosos corpos, dos nosos dereitos e das nosas vidas.
Hoxe e nunca, que non xoguen cos nosos corpos, en nós non manda ninguén!