A xuntanza da Dirección Nacional do pasado sábado avaliou moi positivamente a campaña realizada no mes de xullo cara o Día da Patria, sinalando un novo éxito da Semana da Patria, un formato que se vai consolidando no tempo, así coma os actos do 30 aniversario e o Festigal, que contaron cunha afluencia masiva de mozas.
No referente á XV Asemblea Nacional que se celebrará o día 24 de novembro foron aprobados os textos a debate en base á proposta realizada pola comisión aberta de redacción e a localización e o lema da asemblea. Terá lugar na cidade de Compostela baixo o lema “30 anos de loitas: pasado, presente, futuro”, en relación aos nosos 30 anos de historia.
Nesta asemblea nacional tamén se contará co debate e aprobación do “Protocolo de Galiza Nova de actuación fronte agresións machistas e LGTBIfóbicas”, que foi redactado pola Asemblea Nacional de Mulleres e Asemblea Nacional LGTBI e que pasará ao debate comarcal para a súa ratificación definitiva na Asemblea Nacional.
A partir deste momento abrirase o prazo para o debate dos textos na base da organización, mediante a convocatoria de asembleas comarcais que serán abertas a todas as mozas que queiran propor achegas para facer avanzar o nacionalismo entre a mocidade.