Neste 22 de abril, Día da Terra, denunciamos novamente as agresións a Galiza e o noso medio, por parte de axentes e forzas corruptas que se lucran explotando os nosos recursos. Queremos lembrar que o pasado domingo 17 cumpriuse o aniversario do comezo das obras da presa no río Umia. Era 1998, e a mafia corrupta instalada no goberno de Fraga presionaba, coas armas da Gardia Civil por diante, para levar a termo a aniquilación do sistema natural fluvial da comarca. Todo para fornecer de cuantiosos beneficios a unha empresa destacada, amiga da cúpula do PP. Aínda que as caldenses mobilizáronse para frear esta barbarie, o PSOE local traizoounos e deu o visto e prace.
Tendo en conta os ridículos beneficios para o pobo, xa que xerou moi poucos postos de traballo directos, estamos ante o espolio de parte da nosa terra, paisaxe e memoria colectiva, devastando bosques de ribeira e carballeiras, unha ponte medieval e varios edificios populares.
Máis aló da escasa rendibilidade económica actual (a central eléctrica está semiparada), vimos como o outro gran argumento da construción, o de evitar as enchentes na vila de Caldas, non se cumpre, e case todos os anos temos que poñernos a resgardo porque a presa non absorbe as chuvias que caen na nosa húmida comarca. A solución a isto só virá da man de estudos rigorosos, e de adaptarse á dinámica natural do río.
Un último feito que nos fai reflexionar sobre a viabilidade a longo prazo desta infraestrutura, é a cianobacteria que todos os veráns tingue as augas de cor verde, unha evidencia máis de que o encoro supón morte e remata coa biodiversidade. Todos os estudos realizados certifican a ausencia de peixes autóctonos, moluscos e mamíferos acuáticos.
A mocidade das terras do Umia é consciente que só a demolición e recuperación integral da cunca fluvial servirá para asegurar o desenvolvemento do turismo de natureza e doutras actividades sustentábeis que nos dean oportunidades reais de ficar a traballar na nosa terra.
DEMOLICIÓN XA!!