A GALIZA QUE NOS DEIXAN [ECOLOXISMO]

É complexo resumir máis dunha década de retrocesos en materia ambiental. Os once anos de Feixóo na Xunta son os da venda do noso territorio ás multinacionais especializadas no espolio colonial. Son anos perdidos en canto a protección dos nosos espazos naturais e xestión sustentable dos nosos montes. Desde o 2009 vénse perpetrando en Galiza un sistemático baleirado de toda e canta ferramenta tiña o goberno autonómico para frear o abandono de terras, para facer do noso rural un espazo de futuro que manteña viva a nosa paisaxe.

O modelo económico do Partido Popular baséase en vender en anacos o noso país. A falta dun proxecto de desenvolvemento a longo prazo fixo que se incentivasen os sectores máis nocivos para o medio ambiente e letais para a calidade de vida de milleiros de galegas. A desregulación en todo o que ten a ver co control a actividades contaminantes é un dos grandes logros desta última década de dereita en Galiza, o paradigma do “ti vai facendo” elevado ao cadrado. O uso perverso da lexislación ambiental converteu o goberno galego nun departamento máis das grandes empresas, entregado e submiso aos ditames dos mercados.

Núñez Feixoó pretende ocultar con publicidade barata que ano tras ano medra a superficie de eucalipto e doutras especies invasoras, chegando a supoñer xa case unha quinta parte do noso país para un negocio que é rendíbel só para uns poucos. Non esquecemos que a desestruturación das terras agrarias e forestais ten moito que ver co abandono do rural. A lóxica curtopracista que guía actualmente as políticas públicas de ordenación do territorio non se preocupa das graves consecuencias que teñen os sucesivos incendios que vimos padecendo durante décadas. O mantra do “terrorismo ambiental” usado de xeito reiterado polo PP durante a vaga de lumes de 2017  para centrar a atención mediática en individuos illados foi un claro exemplo da habilidade en eludir responsabilidades de fondo deste desgoberno galego.

Nin unha soa medida de prevención real foi tomada desde entón, e mesmo tombaron o debate dunha Iniciativa Lexislativa Popular de defensa do bosque autóctono.Estes ataques ao medio natural tamén teñen caras: as facianas dos que se lucran con esta situación. O negocio é redondo para ex-ministros e ex-conselleiros do PP que se atopan nos Consellos de Administración do lobby da madeira e do sector enerxético. Pola contra, temos unha realidade ruinosa para o resto do pobo galego, que con sorte recibirá migallas ata que estas industrias de enclave deixen de ser rendíbeis. Porque ese é o único plan que sempre tivo o PP para Galiza: a explotación colonial do territorio e a degradación do medio.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *