[A GALIZA QUE NOS DEIXAN] HOSPITAL PÚBLICO DA MARIÑA

Artigo de Uxío Graña Corral, militante de Galiza Nova A Mariña.

Asistimos desde hai anos a un progresivo desmantelamento da comarca en varios eidos, actualmente moi acentuado polo inminente ERE de Alcoa. A isto sumámoslle, entre outras, unha nefasta rede ferroviaria e de transporte público, e a paulatina perda e deterioro dos servizos públicos básicos. Un deles, a sanidade, sen a cal non poderiamos vivir dignamente garantindo a nosa saúde nesta terra.

A xestión do goberno de Feijóo na Xunta comezaba nos seus inicios coa aprobación da ampliación do noso hospital en Burela. Aínda que sexa a carta de presentación e argumento central do seu apoio á sanidade na Mariña, cómpre recordar a intensa presión social que houbo desde o 2010 (xunto co nacemento da Plataforma Sanitaria da Mariña) para lograr este obxectivo que tanto quixeron evitar. Ademais, esta ampliación non trouxo consigo ningún novo servizo dos historicamente demandados, nin un aumento efectivo de persoal fixo para dotalo. Máis espazo non significa mellor servizo, haino que equipar do persoal e material necesario para o seu funcionamento.

Outro punto chave desta xestión foi a aprobación da reforma da Lei de Saúde de Galicia no 2018. Isto supuxo a eliminación de catro áreas sanitarias (A Mariña, Monforte de Lemos, O Salnés e O Barco de Valdeorras) e a consecuente centralización dos servizos nas grandes cidades en detrimento das comarcas. Non ter unha área sanitaria propia implica non contar co poder de decisión e co orzamento propio para manter os servizos na comarca, os cales se destinarán a aumentalo nos grandes hospitais. Hai que lembrar que isto é unha decisión política, unha decisión co obxectivo de desmantelar unha sanidade próxima a nós, nun país cunha dispersión xeográfica como a nosa.

Polo que se refire aos servizos reclamados no hospital, seguimos sen contar con equipamento básico como unha RMN (resonancia magnética nuclear) fixa, dependendo dunha móbil eventual, e tendo que derivar ao HULA ou POLUSA (privado) a moitos pacientes, mesmo urxencias. Falta o equipo para realizar placas dentais panorámicas, non existe unha consulta básica de cirurxía vascular (para tratar varices, realizar ECO-doppler ou seguimento de pacientes), faltan tamén varios fisioterapeutas na Mariña (contando co material e instalacións para traballar), terapeutas ocupacionais, fisioterapia respiratoria infantil, logopedas, e tan só contamos cun profesional de rehabilitación para toda a área (arredor de 75000 persoas, cando o recomendado sería un cada 35000). Outro exemplo sangrante é a existencia dun servizo de neonatoloxía/prematuros co persoal formado e apto para traballar, no cal se derivan case o 100% dos casos a Lugo coa ausencia do cómputo de nacementos en Burela.

Así temos despois intentos de peches de paritorios coma no caso de Verín, coa escusa de que non hai nacementos suficientes para manter o servizo. Non señor Feijóo, a solución non é o seu peche, senón a de permitirnos vivir na nosa terra cun emprego digno e garantirnos todos os servizos, xa verá como así aumentan os nacementos. Estes son uns cantos exemplos dos moitos que hai, nos cales tan só coa contratación de persoal e equipos básicos, poderiamos evitar múltiples e innecesarios desprazamentos a Lugo ou a unha clínica privada.

Outro punto crítico son as excesivas listas de agarda que padecemos. Tanto é así, que no 2013 aprobouse unha Lei de Garantías Sanitarias que obriga ao SERGAS a que os pacientes sexan atendidos nun máximo de 60 días para cirurxías, e 45 días para consultas externas ou probas diagnósticas, evidenciando este problema. E nin así é suficiente. Desde a Plataforma Sanitaria activouse un dispositivo móbil en centros de saúde e hospital para axudar a tramitar reclamacións por estas listas, acadando arredor dunhas 1500.

E con todo este escenario de recortes e falta de material e profesionais, chega a pandemia da COVID-19. Tanto a xerencia da área sanitaria como a do hospital (as cales son elixidas politicamente, a dedo, pola Xunta) non foron quen de garantir a seguridade do seu propio persoal, chegando a negar o uso de máscaras e obrigando á reutilización de EPIs (sempre por ordes verbais, nunca por escrito). O comportamento por parte da xerencia do hospital, aparte de incompetente, chegou a ser lesivo para as traballadoras, con 33 contaxios entre elas, nunha área na que por sorte a incidencia da enfermidade foi moito menor e chegou máis tarde que ao resto do país.

Tivo que actuar a CIG-saúde (único sindicato presente na pandemia) poñendo unha denuncia a inspección de traballo para lograr que días despois se repartise o material que “supostamente non había”, e exixindo a dimisión en bloque de todo o equipo directivo do centro por estes graves feitos. Se a situación non foi a peor, debeuse á organización do propio persoal de planta que xestionou cos medios que dispoñía esta crise.

Aínda por riba, temos que aguantar propostas tan insultantes e con clara intencionalidade electoral como o cheque para os sanitarios e sanitarias para consumir en bares e hoteis. A quen se lle ocorre ofrecer isto? Tras chegar a despedir persoal contaxiado pola COVID-19 (denunciado tamén pola CIG), e facerdesde hai anos contratos temporais sucesivos por días (cunha precariedade laboral insultante, denunciada tan activamente por colectivos como Enfermeiras Eventuais en Loita), a solución maxistral do señor Feijóo é gastar os recursos nunha medida coma esta, que por certo xa foi rexeitada polo colectivo sanitario. Fronte a estas actitudes, desde Galiza Nova defenderemos sempre unha sanidade pública, universal e de calidade, centrada na nosa comarca, e unhas condicións laborais dignas e estables para todas as traballadoras e traballadores.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *