A Galiza Que nos Deixan. Sanidade

Tras once anos de goberno do Partido Popular na Xunta de Galiza, poden notarse as súas consecuencias nefastas en múltiples áreas, mais tamén na sanidade. Ao igual que aconteceu noutros servizos públicos, tras o inicio da crise económica do 2008, comezou o desmantelamento e os recortes no sector sanitario. Unha das primeiras mostras máis tanxibles disto foi a medida aprobada no 2012 que estipulou o repagamento farmacéutico: impoñer a todas as galegas un prezo de venda de medicamentos que xa estaban subvencionados a través de impostos. Esta medida supuxo que moitas persoas deixasen de retirar fármacos que lles foran prescritos mais que, a pesar de estaren subvencionados, non podían asumir o seu custo. 

E unha das últimas medidas que o goberno de Núñez Feijóo puxo en marcha para continuar desmantelando a sanidade pública galega foi o anuncio da sala de partos do hospital comarcal de Verín, argumentando que non se podería garantir a saúde tanto dos neonatos coma das nais. Foi a mobilización cidadá constante a que paralizou este peche e puxo enriba da mesa unha realidade: importa máis a suposta rendibilidade económica do sistema público ou garantir o acceso a esa sanidade pública e universal de toda a nosa poboación?

E entre ambas elas, múltiples recortes nas partidas orzamentarias que repercutiron visiblemente nas pacientes: listas de espera inasumibles; peches de camas nos hospitais; ausencia de contratación; sobrecarga laboral das profesionais; deterioramento e falta de reposición de medios materiais, etc. Innumerábeis talladas que buscan o crecemento de clínicas da sanidade privada e de seguros médicos privados. 

É sabido que ante unha falta de resposta do sistema público, as pacientes rematan por acudir a estas clínicas privadas para poder poñer remedio ás súas patoloxías. E ante isto, atopámonos ante un poder económico que busca ampliar os seus beneficios privados gañando máis cota de mercado; e cuns poderes políticos totalmente servís, que non dubidan en degradar e empobrecer a sanidade ata límites insospeitados. Esta non deixa de ser unha constatación máis da toxicidade do capitalismo, o sistema económico no que vivimos, unha máquina incansábel que está disposta a tronzar todo aquilo que precisa para poder sacar beneficio. Unha máquina que non para aínda que o que estea en xogo sexa a vida das persoas.

Mais cómpre non esquecer que nesta década tamén tiveron lugar as grandes mobilizacións na defensa da sanidade pública. O pobo galego, farto xa deste goberno infausto, non dubidou en encher as rúas para demandar un sistema sanitario universal e de calidade. Manifestacións coma as xa nomeadas de Verín, que lograron poñer freo a esta medida infame, as que percorreron Vigo na defensa da Atención Primaria ou coma as que ateigaron a Quintana nos últimos febreiros. Sirvan todas elas como mostra de que temos un pobo digno e un pobo canso xa das medidas austericidas do Partido Popular que só buscan enriquecer aos de sempre.