A guerra xenocida contra Cuba. Artigo Iago Fraga

O imperialismo é hoxe o maior inimigo da humanidade. Envoltos nunha retórica teocrática e supremacista, os Estados Unidos están a intensificar o seu programa belicista e extorsionador contra todos os pobos que ousan desputar a súa hexemonía. Xa non lles cómpren as tradicionais escusas humanitarias, os apelos á “democracia” foron substituídos por unha mensaxe de terror: ningún país ten dereito a actuar en contra dos intereses estadunidenses, a soberanía americana é planetaria.

Perante o progresivo debilitamento da súa hexemonía económica, a clase dominante americana fai un apelo desesperado á forza militar e o aumento da agresividade diplomática. O asedio naval a Venezuela e a captura do seu presidente foron unha manifestación límpida do modus agendi imperialista. A guerra económica lanzada no último ano contra numerosos estados (nominalmente aliados en moitos casos, súbditos na práctica) é outra das formas que asume o imperialismo.

Porén, é a guerra xenocida contra Cuba que constitúe hoxe unha das agresións máis violentas e inhumanas da historia recente. Trump caracterizaba recentemente Cuba como unha grande ameaza nacional para os EUA. No fondo, é certo. O proxecto de liberación nacional cubano, a tentativa de construír unha sociedade que supere o capitalismo e que ten como eixo central o respecto á autodeterminación dos pobos é si unha grave ameaza para o imperialismo americano, porque no éxito de tal proxecto vai tamén a súa derrota e superación ideolóxica. Todas as ferramentas son lícitas, por tanto, para derrubar a Revolución Cubana. Ao ininterrompido bloqueo engádese agora a asfixia económica absoluta, nin unha pinga de petróleo para Cuba.

O obxectivo do goberno americano é provocar o retroceso civilizacional, degradar o máximo posíbel as condicións de vida do pobo, causar tanta fame, tantas mortes como foren necesarias para derrubar un goberno cuxo grande crime é a defensa da súa soberanía nacional. A guerra psicolóxica xoga aquí un papel chave, manufacturando as condicións ideolóxicas para a derrubada da Revolución, desmoralizando o pobo e afirmando que as únicas opcións son a submisión ou a morte.

A gravidade da situación esixe de nós, en primeiro lugar, clareza na análise: a empreitada americana contra Cuba toma hoxe a forma de xenocidio. Non pode recibir outro nome a tentativa deliberada de matar de fame un pobo.

Cómpre, porén, non deterse aí. O nacionalismo galego debe asumir a tarefa de denunciar a agresión imperialista contra Cuba e de construír solidariedade internacionalista no seo das clases populares galegas. Mais é tamén tarefa imperativa alargar a conciencia antiimperialista do pobo.

O ano 2025 foi testemuña de grandes mobilizacións de masa na defensa de Palestina. O grao de violencia e a transparencia do programa xenocida israelí desbordaron a capacidade de reacción ideolóxica do sionismo. É fácil augurar, porén, que os esforzos mobilizadores na defensa de Cuba teñan unha incidencia menor. Cuba é unha ditadura, o bloqueo non existe, a intervención é un mal necesario, hai que lles levar a democracia. A fábrica ideolóxica do imperialismo manufactura consentimento por todos os medios, con inxentes recursos. É por ese motivo que resulta imprescindíbel empregar a mobilización para lograr saltos na consciencia popular, para elevar a comprensión do concreto ao estrutural, da manifestación concreta do fenómeno (o xenocidio palestino, a guerra económica contra Cuba) ao fenómeno político (o imperialismo).

Temos a obriga de nos preguntar: estamos a outorgar a importancia que merece a esta tarefa? Estamos a empregar todas as ferramentas ao noso dispor para introducir o concepto do imperialismo na cultura política popular? Para o nacionalismo galego, como proxecto que visa a liberación nacional e a realización da xustiza absoluta nas relacións entre os pobos, esta é unha cuestión fundamental.

Nos países que cargan coas cadeas da opresión nacional, a primeira condición para a liberdade social é a consecución da liberdade nacional. Non pode haber xustiza nun país submetido a outro. Hoxe, a primeira tarefa para a emancipación da humanidade é a derrubada do imperialismo americano.

Cos pobos que loitan pola súa liberdade, sempre. Con Cuba, sempre.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *