Este mércores realizamos un encontro de mocidade en Vigo con exdeputadas e exdeputados do BNG no Congreso. Neste coloquio analizamos a loita e o traballo realizado polo BNG no Congreso, e o que seguiremos realizando despois das eleccións do vindeiro 26 de xuño.
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, que participou tamén no encontro xunto ao cabeza de lista por Pontevedra, Luís Bará, manifestou hoxe en Vigo que “ hoxe constatamos como a presenza do BNG no ano 1996 serviu para que Galiza aparecera no escenario estatal e sabemos que ter voz no Congreso é importante non só para que se fale dos nosos problemas senón para acadar a súa solución e o noso país avance, nesa liña de avance quere continuar o BNG”.
Ana Pontón reiterou que nun contexto non que non haberá maiorías absolutas, “un, dous ou tres deputados nacionalistas poden ter a chave do próximo goberno” e os votos dos galegos e galegas deben ser utilizados para “derrotar á dereita” pero sobre todo para que “os nosos intereses e aspiracións teñan alternativas fronte á emigración, a precariedade, o desastre das políticas que nos deixan Rajoy e Feijóo nos nosos sectores produtivos”.
A portavoz do BNG afirmou que é necesaria “unha voz que aposte por un cambio que chegue a Galiza”. Eu sei, dixo, que hai moita xente que durante estes cinco meses botou de menos ao BNG, e moita xente que valora o traballo que fixemos durante estes anos e que quere que o BNG volva a estar presente no congreso, pero para iso, “hai que ir a votar o 26 de xuño e hai que facelo pensando en que os galegos e galegas non temos que ser espectadores senón protagonistas e que o voto que realmente garante a derrota da dereita e que Galiza teña voz, é o voto ao BNG”.