A memoria dos mártires. Artigo Anxo Vázquez

Noventa setembros atrás o fascismo español xa instaurara o terror na Galiza. Mentres noutras latitudes do Estado comezaba unha guerra civil sen precedentes, na nosa terra o regueiro de sangue co que as tropas sublevadas tinguían as cunetas non atopaba máis resistencia que a da carne dos mártires erguida ante os fusís. Alén das figuras máis recoñecidas que o xenio colectivo recuperou á memoria, milleiros de historias sucederon nos recunchos do País.

Pedro Galán Calvete foi un mozo do barrio obreiro de Monte Alto, compañeiro de Chiruca e fillo de Pedro e Carme. Foi detido o 10 de setembro do fatídico ano de 1936, con tan só 19 anos e unha vida enteira por vivir. O 16 do mesmo mes, o maior dos catro irmáns Galán Calvete, o mozo nervoso, intelixente e entusiasta foi paseado polos fascistas aparecendo nunha gabia da Corveira (Culleredo) e deixando na nosa memoria o inmenso legado da persoa e do mártir.

Malia súa escasa lonxevidade, a súa participación na vida social e política coruñesa foi a propia de quen concibía como imperiosa a tarefa de contribuír á emancipación social e nacional do País. Dende a súa implicación na fundación de institucións coruñesas como o Club do Mar de Santo Amaro, até o liderado das Mocedades Galeguistas da Coruña, pasando polo seu traballo como contable na empresa de xabóns da Toxa, numerosos fitos definen a vida do mozo Pedro. Mais, con seguridade, aquela definición que forxou o seu destino foi a que el mesmo se deu coa honra e a firmeza de quen rexeitou a vía do exilio para salvar a pel: como galego son nacionalista, como home son marxista. Para que me entendas, son un separatista.

A puxanza de cada unha das palabras que escribiu nas súas publicacións n’A Nosa Terra e a súa inquebrantable militancia política foron veredicto definitivo, traizón imperdoable a aquela hespaña d-eles da que sempre se declarou arredista e que o asasinou por medio dos seus máis bárbaros defensores. Bárbaros que enterraron a semente para que hoxe milleiros de homes e mulleres, mozos e mozas, sigamos reivindicando a vixencia do seu legado, lembrando cada setembro o galego enteiro da Torre, aquel home que deu a vida pola liberdade da súa patria e da súa clase.

Lamentamos que malia que o Pedro de dezanove anos conte hoxe cunha rúa adicada no seu barrio recuperando a súa figura, a súa memoria non estea protexida. Preguntámonos, que xustiza é aquela que reivindica os nomes dos nosos mártires -dos Galán, dos Bebel, dos Bóveda e de tantos outros- ao carón dos colaboracionistas do réxime coma o falanxista Ponte Anido. As placas que os honran ao mesmo nivel que ás súas vítimas seguen sendo unha das grandes vergoñas do Concello da Coruña.

Con todo, mentres loitamos porque a lembranza e a dignidade se impoñan dunha vez por todas na nomenclatura municipal, seguirémonos xuntando onde Pedro descansa, no cemiterio de Santo Amaro, ao carón do Mar que o protexe, para estreitarnos a man esquerda, a que sae do corazón e vai directamente á man do corazón para berrar xuntos, con el: Viva Galiza Ceibe!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *