A MOCIDADE DA POBRA SEN TRANSPORTE PÚBLICO

O goberno da Pobra do Caramiñal lonxe de aumentar as axudas ao transporte público, demostra a súa inoperancia ao non conceder as axudas ao transporte público, dirixidas ao estudantado universitario e de formación profesional.

Xa van dous cursos escolares (2015/16 e 2016/17) nos que as estudantes pobrenses non poden beneficiarse destas axudas, tan necesarias tanto para elas como para a economía familiar que as sostén.

En plena crise económica, o transporte público está monopolizado por unha soa empresa e só contamos cunha liña de autobús que nos conecta con Compostela. Este transporte é incluso máis custoso que o vehículo privado, ao que a meirande parte das estudantes non teñen acceso. Deste xeito, podendo optar a unha axuda que non lle é dada, as pobrenses soportan con maior dificultade a necesidade de desprazarse.

Nos outros concellos da Barbanza, as estudantes xa se benefician de ditas axudas, mais na Pobra non. Isto evidencia o desleixo co que o goberno municipal trata o asunto, desinterese que a mocidade pobrense sofre e non temos por que aturar.

QUE PROPÓN GALIZA NOVA?

Desde Galiza Nova denunciamos esta situación e esiximos ao goberno municipal a inmediata posta en funcionamento das axudas necesarias para que a mocidade da Pobra poda desprazarse con facilidade as comarcas cercanas.

Do mesmo xeito, desde Galiza Nova e desde o BNG traballamos para que se melloren as conexións entre A Barbanza e Santiago de Compostela, mais tamén entre A Barbanza e a provincia de Pontevedra. Esixiremos accións para que se abarate o prezo dos autobuses para promover o seu uso como transporte público, cando menos para persoas mozas, desempregadas, con mobilidade reducida ou xubiladas.