A mocidade galega co pobo palestino. Palestina Vencerá!

Dende o pasado 7 de outubro vivimos unha nova escalada nun vello conflito, o aumento da tensión e da actividade armada entre Palestina e Israel que debemos saber contextualizar e enmarcar. O que acontece na Faixa de Gaza non é un feito illado nin conxuntural senón que toma parte dunha estratexia máis ampla que ten por obxecto aniquilar ao pobo palestino.
Gaza constitúe na actualidade o maior campo de concentración do mundo. Palestina leva 75 anos sufrindo a ocupación do seu territorio en mans de Israel, que impide a existencia dun Estado palestino, ocupou dende 1948 aproximadamente o 70% do seu territorio e someteu á poboación civil a todo tipo de maltratos, asedios, violacións, agresións constantes, detencións arbitrarias, batidas policiais, destrucións de casas e infraestruturas e asasinatos. Estamos,pois, asistindo dende hai décadas a unha limpeza étnica.

A realidade é que ningún dos episodios de sufrimento que leva vivido o pobo Palestino son feitos illados. Non o foi en 2014 a campaña “Border Protection”, non o foron os centos de asasinatos cometidos dende o 48 e non o son tampoco os últimos acontecementos. Diante desta situación, non é de estrañar que un pobo se erga en lexítima defensa, pretender o contrario é negar o dereito dos pobos a loitar contra a opresión, pola súa autodeterminación e a súa liberdade.
Denunciamos ademais a unha forte campaña de desinformación por parte dos medios de comunicación, a servizo dos intereses do capital, que intentan vender a masacre como un escenario bélico en “igualdade de condicións”, presentando á vítima como agresor e ao agresor como vítima, cando a realidade é que Palestina é un pobo oprimido que se defende de maneira lexítima do seu Estado opresor —que é a día de hoxe a cuarta potencia militar a nivel mundial—.

Debemos denunciar tamén as posicións que dende os grandes poderes políticos, Unión Europea, Estado español e Xunta de Galiza, se están mantendo a respecto do conflito. Non é tolerable que a comunidade internacional non vele polos dereitos do pobo agredido e colabore co réxime sionista, negando axudas a Palestina e negándose a sancionar o incumprimento dos tratados internacionais.

Ante esta situación é imprescindible mantérmonos firmes na defensa do pobo palestino e é urxente a mobilización internacional para denunciar a actitude criminal de Israel e reclamar o cese do conflito.

A mocidade galega non podemos permanecer impasibles ante esta masacre. Reafirmamos a nosa vontade internacionalista e amosamos toda a nosa solidariedade co pobo palestino, reclamando o cesamento de todas as agresións militares e a configuración dun estado propio Palestino e libre de toda ocupación sionista.

Seguiremos no camiño da denuncia do sionismo e das agresións do imperialismo e mobilizarémonos co pobo palestino que loita pola súa liberdade.

Palestina vencerá!