A mocidade galega na defensa da Terra!

mina non compostelaNeste 22 de abril, Día da Terra, denunciamos novamente as agresións a Galiza da man de empresas internacionais que se lucran explotando os nosos recursos.

Moitos son os atentados ecolóxicos como a megaminaría, o uso de químicos na fumigación de montes, a contaminación das rías… mentres a Xunta de Galiza desenténdese, cando non é cómplice destas agresións, e condena ao noso medio a unha situación de total desprotección.

Neste sentido, desde Galiza Nova queremos sumarnos á demanda realizada por Adega, FEG e SGHN á Xunta para que amplíe a rede galega Natura 2000.

Lamentamos que o Conselleiro de Medio Ambiente anunciase a non ampliación da Rede Natura 2000, pois a súa negativa continúa a deixarnos no último posto en porcentaxe de superficie con esta figura de protección no estado.
Isto conleva que perdamos un espazo protexido como son as 842 hectáreas da Zona de Especial Protección dos Valores Naturais Miño-Neira. Este espazo, declarado provisionalmente en 2007 como de especial protección, estaba incluído na proposta de ampliación da Rede Natura, mais ao renunciar á esta ampliación e ao caducar en 2011 a declaración de zona protexida, os valores naturais que motivaron a súa declaración provisional fican sen protección.

Sumámonos á esixencia realizada pola Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), Federación Ecoloxista Galega e Sociedade Galega de Historia Natural e demandamos á Xunta que amplíe con urxencia a Rede Natura 2000 galega e abandone o seu desleixo co noso patrimonio natural.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *