Este 6 de decembro fanse 45 anos do aniversario da Constitución española, unha constitución que deu continuidade ao réxime franquista coa instauración do actual Reino de España, tal e como o coñecemos a día de hoxe. A consolidación das elites políticas, burguesas e xudiciais do réxime franquista fixo que a época actual non sexa máis que unha prolongación do franquismo, levando xa 85 anos neste réxime.
Nun día como hoxe a mocidade galega denunciamos unha constitución herdeira directa do franquismo, cuxo legado continúan as forzas españolas, e que non é reformábel para beneficio dos pobos e das clases populares. En definitiva, denunciamos unha constitución que nos silencia, que nos oprime e que nega o noso dereito a existir como nación.
Hai 45 anos o nacionalismo galego era consciente desta realidade, pois estivo en contra da súa aprobación no ano 78 e segue a estalo agora por ser unha constitución negadora da nosa realidade como pobo, que prima o pago da débeda ao grande capital antes que reforzar os servizos públicos, que blinda unha institución anacrónica como é a monarquía, e que é empregada como arma polo fascismo para reprimir calquera movemento que loite pola liberdade.
Os grandes poderes do Estado español viven actualmente da explotación continuada das nacións sen Estado. Así, racharmos con ese negocio millonario, acadando a nosa independencia, será a única maneira de destruírmos o réxime do 78. Por iso o Estado español, que serve os intereses do grande capital, non permite nin que se debata democraticamente sobre a soberanía das nacións sen Estado, pois suporía o derrubamento do seu grande negocio. No entanto, a Unión Europea é totalmente cómplice directa destas actitudes antidemocráticas.
A mocidade nacionalista debemos dar un paso á fronte para reivindicar que existimos e que temos dereito a existir. Debemos saír a rúa a defender o noso dereito a vivir en democracia, a rachar coa Constitución española e a exercer o noso dereito á autodeterminación para rachar co sistema e co Estado español.
Construamos a República Galega que rache con estes 45 anos de Constitución española e 85 de franquismo para garantirmos a nosa liberdade.