Galiza como nación ten o dereito a contar con seleccións nacionais propias. Por iso, desde Galiza Nova chamamos a mocidade galega a participar na manifestación en defensa da oficialidade das nosas seleccións que se celebrará este 20 de maio na Coruña ás 19 horas, organizada por Siareiras Galegas, antes do partido Galiza-Venezuela.
Logo de que o PP eliminase os encontros deportivos das nosas seleccións que o BNG impulsara desde a Xunta, desde Galiza Nova continuamos a demandar o dereito da nosa nación a contar con seleccións deportivas propias, tanto femininas como masculinas, que a representen en todas as disciplinas, a nivel oficial e internacional. Por iso, para visualizar o apoio social a esta reivindicación histórica, chamamos a asistir ao encontro que se disputará ás 20:30 horas e lucir a bandeira da Patria Galega.
Dende Galiza Nova, organización xuvenil do BNG rexeitamos a equipación que a Federación Galega de Fútbol deu a coñecer para este encontro, xa que omite calquera símbolo galego.
Cabe destacar a existencia de ducias de disciplinas deportivas que compiten ano tras ano internacionalmente, mostra do altísimo nivel deportivo internacional que Galiza posúe, mais que o goberno da Xunta devalúa e fai carecer de oficialidade. Debemos pular para que as e os nosos deportistas poidan participar internacionalmente vestindo a súa equipación, a galega.
Sabemos que existe unha grande parte do noso País que non só desexa poder ver os éxitos das nosas seleccións, senón que traballa moi duro no camiño da concienciación social e nacional para lograr tal fin.
Queremos seleccións galegas oficiais e internacionais!