Irati García Tomé foi a persoa elixida para encabezar a candidatura do BNG-Asembleas Abertas á alcaldía do Concello de Noia. Naceu no ano 1985, en Lekeitio (Biscaia), lugar ao que emigraron os seus pais na procura de mellores oportunidades laborais. Xa desde moi nova estivo vinculada ao nacionalismo, aínda que non foi até o 2011 cando se intregrou en Galiza Nova, mesmo ano no que formou parte da candidatura para as eleccións municipais do Concello de Noia. Estudante de Dereito e Psicoloxía, tamén viviu un longo periplo por traballos precarios nos cales sufriu as consecuencias dos recortes nos dereitos da clase traballadora, o cal lle fixo dar o paso e integrarse na CIG. Hoxe en día traballa en proxectos de promoción e comercialización no exterior de produtos agroalimentares galegos, actividade que combina co traballo e responsabilidades que conleva encabezar a candidatura e levar adiante o proxecto nacionalista en Noia.
-Por que decidiches dar o paso adiante que supón encabezar a candidatura do BNG Asembleas Abertas?
-Sinceramente cando me propuxeron encabezar a candidatura tiven as miñas dúbidas, porque era perfectamente consciente da responsabilidade que supón encabezar unha candidatura, e máis cando se pasa a ocupar o lugar dun referente do nacionalismo na vila como o é o compañeiro Bieito González.
Hai que ter tamén en conta que se ben non é doado ser unha muller nova en ningún eido, menos o é no mundo da política. Pero son unha persoa comprometida e firme nas miñas ideas e conviccións, e dado que estamos a vivir uns tempos tan difíciles, esta é a mellor oportunidade que teño de aportar o mellor de min para que, xunto co equipo que conformamos a candidatura, a militancia e os que cren en nós o proxecto nacionalista en Noia poida ser unha realidade como o é xa noutros concellos de Galiza, que son un exemplo de boa xestión.
-Cal é a principal problemática da mocidade en Noia?
-A principal é sen dúbida a do emprego e a falta de oportunidades para poder ter unha vida independente digna. Somos conscientes de que atallar este problema a nivel local é na práctica algo moi complicado, pero temos algunhas ideas e pensamos en distintas medidas de apoio para aqueles que queiran impulsar novos proxectos relacionados co noso sector produtivo máis importante, que é o marisqueiro.
Notamos en parte da mocidade unha actitude derrotista que hai que reconducir, é hora de que a mocidade se implique e loite por reconquistar un presente e un futuro que son seus.
Ademais deste problema, que se reproduce por todo o País, detectamos outra serie de problemáticas máis complexas, como o son violencia de xénero, a drogadicción e outras, pero para iso é preciso contar con boas políticas educativas, programas e campañas de concienciación e información, que nestes últimos anos foron desaparecendo.
-Fronte a esa realidade, cales son as alternativas que ven defendendo e levando á práctica o BNG-Asembleas Abertas para a mocidade?
-No caso concreto de Noia nos últimos meses viñemos realizando asembleas de mocidade para tratar as problemáticas e as demandas específicas da mocidade e telas en conta no proxecto que queremos levar adiante. Pero nestas asembleas tamén tocamos outro tipo de cuestións como a do coidado do noso medio ambiente, por exemplo. Ademais, desde a Concellería de Igualdade e Benestar, dirixida polo BNG, realizarónse campañas e actividades dirixidas tanto a nenos como a adolescentes en canto a temáticas de violencia de xénero, igualdade e outras, especificamente dirixidas .
-É preciso que a mocidade se implique na política municipal para mudar a situación de Noia?
-Por suposto que é preciso, xa que a mocidade é o presente e o futuro do pobo. A xente nova ten moitas inquedanzas e ideas para mudar as cousas, pero coido que as mozas e mozos de Noia senten que non teñen a quen acudir, que non son escoitados e non se teñen en conta nin as súas necesidades específicas nin a súa opinión. Por iso é preciso que dean un paso adiante e se impliquen, que se expresen e loiten por mudar o estado actual de cousas, porque nos están a roubar o futuro.
-Como poden facelo?
Participando do tecido asociativo que existe no municipio, que é moi importante, por exemplo. Tamén pensamos que é imprescindible crear un Consello da Mocidade, a través do cal poidan ter voz en relación ás políticas municipais que lles afectan, porque non se poden tomar as decisións sen tomar en conta a súa opinión e propostas.
-Como valoras o proceso das asembleas abertas impulsadas polo BNG e Galiza Nova?
-Considero que foi un acerto impulsar o proceso asembleario aberto, porque nos deu a oportunidade de chegar a máis xente, e de que á súa vez se achegasen a nós. Pero aínda queda moito que traballar neste sentido, xa que a mocidade está contaxiada polo desánimo e o pesimismo, ten falta de confianza nas posibilidades e na forza que ten para promover o cambio que Galiza precisa.
-Como entendes a política municipal?
-A política municipal non é máis que o instrumento chave para acometer o cambio desde a base do noso País, que son as parroquias, as vilas…
Hai que ter en conta que os Concellos son as administracións máis próximas ás persoas, as que máis capacidade teñen para recoller as demandas inmediatas da sociedade e atender un amplo conxunto de problemáticas, converténdose así a política municipal na chave da transformación, da construción dun país, Galiza, no que poidamos vivir dignamente.