A Revolución Bolivariana hoxe

Achegamos a continuación un artigo da Xuventude do Partido Socialista Unido de Venezuela (JPSUV) para Galiza Nova, coa finalidade de difundir entre a mocidade galega as claves para coñecermos a situación actual da revolución bolivariana e a loita antiimperialista.

A Revolución Bolivariana hoxe

Dende que en 1999 o Comandante Hugo Chávez asumiu a Presidencia da República mediante o voto popular, desenvolveuse en Venezuela un proceso de profundas transformacións políticas, sociais e económicas. Este proceso xerou fortes contradicións cos poderes políticos e económicos dominantes de Venezuela e o mundo, xa que a Revolución Bolivariana avanzou na redistribución da riqueza e do poder nacional en mans dos que historicamente foron excluídos e oprimidos polas elites, ao que se lle suma que desafiou ao poder hexemónico dos Estados Unidos na rexión, impulsando decisivamente un estadio superior de unión latinoamericana e caribeña.

A raíz da desaparición física do Presidente Hugo Chávez e da elección do Presidente Nicolás Maduro en abril de 2013, as fraccións da dereita venezolana, con pleno respaldo do Goberno de Estados Unidos, foron desenvolvendo de xeito sistemático un conxunto de accións para desestabilizar o país, impulsando estratexias para derrocar ao goberno electo democraticamente.

Isto implicou un proceso de sabotaxe económica sen precedentes, dirixido pola oposición política e económica, que consistiu nun ataque especulativo contra a moeda nacional dende dentro e fóra de Venezuela; desabastecemento programado de alimentos e bens da cesta básica; aumento indiscriminado de prezos; contrabando masivo de extracción destes bens cara territorio colombiano. Isto xerou un clima de desestabilización interna e de incerteza na poboación. Esta situación volveuse máis complexa coa caída abrupta dos prezos internacionais do petróleo, do cal dependen nunha significativa proporción os ingresos fiscais do Estado venezolano. Neste contexto, entre os anos 2014 e 2015, os ingresos nacionais en divisas diminuíron nun 80%. Este escenario xera, no seu conxunto, condicións para que a oposición atente contra a Constitución, o Estado de Dereito e, sobre todo, contra a as decisións soberanas do pobo venezolano.

A pesar deste complexo momento económico, o Presidente Nicolás Maduro, seguindo o legado do Comandante Chávez, afianzou o modelo de redistribución e inclusión social no que o Estado asume como prioridade absoluta a protección das familias venezolanas e dos traballadores. Só entre o ano 2013 e o 2016, isto expresouse en once incrementos dos salarios mínimos e as pensións, mantendo o desemprego nun 6% e outorgando 600 mil novas pensións, acadando unha taxa de cobertura de adultos maiores pensionistas do 84%. Culminou con máis de 658 mil vivendas populares e reduciu a pobreza extrema estrutural de 6,3% a 4,9%, a partir do fortalecemento dos programas e misións sociais, mantendo ademais os subsidios aos servizos públicos e as subvencións sociais. O Goberno do Presidente Maduro sempre ten como prioritaria a inversión social por enriba dos clásicos equilibrios macroeconómicos que recomenda o Fondo Monetario Internacional, todo isto sen deixar de pagar os intereses e o capital da débeda externa.

En medio desta guerra económica contra o pobo e da execución continuada dos plans para forzar a saída do Presidente Nicolás Maduro, as diversas fraccións da oposición venezolana obtiveron a maioría dos deputados e deputadas á Asemblea Nacional, como resultado das eleccións parlamentarias realizadas o 6 de decembro de 2015. Unha das súas ofertas na campaña electoral promovida dentro e fóra de Venezuela consistiu na aprobación dunha Lei de Amnistía que permitise exonerar da responsabilidade penal a dirixentes e militantes da dereita, que actualmente se atopan privados de liberdade por cometer diversos delitos relacionados con violacións de dereitos humanos, terrorismo, corrupción e incluso tráfico de drogas, no marco de accións concretas para derrocar aos Presidentes Hugo Chávez e Nicolás Maduro.

É así como esta maioría opositora aprobou en primeira discusión o día 16 de febreiro de 2016, o proxecto de “Lei de Amnistía e Reconciliación Nacional”. Os deputados e deputadas do Bloque de la Patria que apoian a Revolución Bolivariana catalogaron este proxecto como a “Lei de Amnesia Criminal”, xa que pretende impoñerlle ao pobo venezolano o perdón e o esquecemento dos crimes que cometeu a dereita dende 1999 ata que entre en vixencia esta Lei.

A isto súmaselle que, na posta en marcha desta lexislatura, o Presidente da Asemblea Nacional anunciou que a oposición sacaría do poder nun período de seis meses ao Presidente da República, Nicolás Maduro, electo pola maioría do pobo para gobernar até xaneiro do ano 2019. Isto confirma que, no fondo, a Lei de Amnistía non é máis que un instrumento para socavar o Estado de Dereito e as súas institucións, e derrocar de forma violenta e inconstitucional o Presidente lexitimamente electo polo pobo venezolano.

Neste sentido, a oposición está avaliando nestes momentos que opcións “constitucionais” son as máis expeditas para sacar do poder ao Goberno revolucionario. Mentres, tanto o Bloque de la Patria que representa ás forzas chavistas no parlamento, como o Goberno Bolivariano, atópanse despregados por todo o país atendendo a emerxencia económica, executando medidas de protección do ingreso dos traballadores e, sobre todo, orientando todos os seus esforzos para superar a tormenta económica que implica superar o modelo de dependencia da renda petroleira para construír unha nova economía, baseada na produción nacional dos bens e servizos que satisfagan as necesidades do pobo venezolano.

A Revolución Bolivariana atópase ante grandes retos, os cales está enfrontando co compromiso e a forza que inspira o legado do Comandante Hugo Chávez. O pobo venezolano, en conxunción co seu Goberno Nacional, enfronta estas dificultades con valentía e cun sentido estratéxico que nos sinala o longo camiño por percorrer na construción dun futuro de dignidade, xustiza, igualdade e felicidade social de todas e todos.

Caracas, marzo de 2016

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *