A revolución con mochilas. Artigo Adrián Lezcano

Non é nada novo relatar que o contexto actual acompaña a dereita cuns discursos de odio que non procuran nada máis aló que o enfrontamento e a desestabilización. Unha táctica sen ningún transfondo político -ou quizais si, se a tal cousa a consideramos política- que non remata noutra ruta que non sexa a normalización na sociedade de ideas que, até hai non moito, condenaba. Pois, en que momento se comezou a ver o fascismo de novo como algo común? Que clase de alienación ética haberá de estar golpeando a sociedade actual para normalizar algo así? É ben sabido que os medios, as redes e mais todo o panorama tecnolóxico actual -que non deixa de ser todo unha gran farsa detrás dunha pantalla- están condenando os pobos á deshumanización do real, e, con isto, o desprendemento da política da persoa.

Porén, malia estes tempos de desinformación nos que vivimos, podemos deixar ben clara unha cousa: fronte a todas estas ideas expostas, aquí, na Galiza, non haberá nunca espazo para a ignorancia. Vímolo recentemente co intento de concentración do partido VOX na praza de María Pita na Coruña. Unha praza ateigada de galegos e galegas que, facendo honra á dona do lugar, alzaron as lanzas fronte ao fascismo. Un pobo que berrou forte, que berramos, contra quen tenta desvalorizar o noso. Un pobo que nega rotundamente un papel vago no contexto actual e que sempre, e repito, sempre tomará conciencia de país e conciencia de clase.

Co ocorrido o pasado mércores na Coruña, non só observamos un país disposto a loitar até vencer, senón tamén unha mocidade formada, preparada e informada: máis de catro mil persoas enchemos a praza, máis de catro mil persoas suficientemente formadas como para combater a ignorancia. Pois, de entre toda a algarada que enchía o lugar, púidose observar, por un instante, o poder da mocidade galega: fronte ao inxustificado abuso de poder da Policía española, nós contestamos coas mochilas ás costas. Fronte aos seus abusos de forza, respondimos con formación. Con conciencia, con cultura. Respondimos a un abuso desmesurado contra a rapazada que só pretendía amosar o seu desacordo. Que só quería demostrar que o fascismo na Galiza non ten lugar, e nunca o terá.

Unha distopía na que funcionarios con pistolas de bolas de goma apuntaban á testa de cativos e cativas con mochila. Unha distopía na cal, desde Galiza Nova, temos claro o noso posicionamento e os nosos ideais: denunciamos de novo o desmesurado abuso de poder por parte da Policía española. E, xunto a isto, a idea que estivo sempre presente nas rúas do noso país: a mocidade nacionalista galega loitará incondicionalmente contra o fascismo e, sen dúbida, por unha Galiza ceibe.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *