A sanidade pública galega en situación de emerxencia: Non á violencia obstétrica!

Dentro das diferenzas que enfrontamos as mulleres vivindo nunha sociedade machista, temos que contar múltiples violencias día a día, sendo as máis evidentes os feminicidios e as agresións físicas, as que diariamente segan vidas en todo o mundo.

Hai outras que, pola contra, pasan máis desapercibidas. Son violencias máis simbólicas, tales como excluírnos dos postos de responsabilidade e decisión, ou o menosprezo e a desautorización das nosas opinións. Termos coma o “mansplaining” están cada vez máis presentes na nosa linguaxe diaria, para facer visibles e denunciar este tipo de agresións. 

Dentro destas últimas está a violencia obstétrica, que é aquela que sufrimos no momento do embarazo e o parto. Cada vez máis voces se alzan para denunciar agresións recibidas nos paritorios, como ridiculizar as opinións das mulleres embarazadas, non ofrecerlles todas as informacións que se debera para que poidan tomar as decisións acertadas, humillalas, ou incluso chegar ao punto de realizar intervencións, coma a episiotomía ou a inducción do parto, sen ter en conta a opinión da nai, amparándose sempre no criterio médico. Este é profundamente paternalista e contrario á ética médica, xa que é o facultativo quen toma as decisións, obviando a opinión das embarazadas. O principio de autonomía (un dos catro nos que se basea a bioética) concédelle ás pacientes a potestade de decidir que intervencións queren realizar, sempre proporcionándolles por parte das profesionais toda a información necesaria para poder tomar esa decisión. 

Mais estes días estamos a asistir a unha nova forma de violencia. O Sergas decidiu pechar o paritorio do Hospital comarcal de Verín, obrigando ás mulleres a acudir a Ourense para dar a luz. Isto implica que as mulleres enfrontemos importantes distancias para parir pondo en risco a nosa saúde.

Con todo, a Asemblea de Mulleres de Galiza Nova di NON á violencia obstétrica e NON aos recortes e desmantelamentos na sanidade pública do noso país. Por isto chamamos ás concentracións e mobilizacións en defensa da sanidade pública que se sucederán ao longo do noso país esta fin de semana:

Sábado 30 de Novembro ás 17h, manifestación en defensa da sanidade pública da comarca de Monterrei saíndo do hospital de Verín.

Domingo 1 de Decembro ás 12h, marcha pola sanidade pública de Catoira saíndo do centro de saúde.

Domingo 1 de Decembro ás 12:30h, concentración en defensa da sanidade pública de Soutomaior na Rúa de Roxelio Landeiro (cruce Abanca).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *