A saúde mental e a vivenda

En Marzo de 2020, perante a aparición da COVID-19, o conxunto da poboación galega foi confinada nos seus fogares durante meses. Como resultado tivo lugar un auxe dos trastornos mentais, chegando a triplicarse, coa aparición de cadros de ansiedade, depresión e pensamentos suicidas. Porén, este empeoramento xeral da saúde mental da poboación galega veuse agravado por factores sociais entre os que destaca a situación da vivenda.

Nesta liña, tal e como expuxo o Congreso Nacional do Medio Ambiente no 2020, a residencia en vivendas pequenas ou cunhas condicións precarias inflúe na saúde, tendendo a sufrir un maior risco de padecer sintomatoloxía depresiva moderada ou severa aquelas persoas que desenvolven a súa vida nestes espazos, podendo empeorar segundo maior sexa o tempo de exposición ás devanditas condicións.

Alén disto, no caso concreto do noso país, a existencia dunha burbulla inmobiliaria construída arredor dos procesos de xentrificación e turistificación, en ocasións mesmo favorecidos por iniciativas públicas coma o Xacobeo, xunto coa inexistencia dun parque amplo de vivenda pública (0,3 vivendas por cada 100.000 habitantes, fronte ás 4 a nivel europeo), leva a moitas persoas ao risco de desaloxo, o que á súa vez ten importantes efectos, segundo a Agència de Salut Pública de Barcelona, na saúde mental das persoas.

De igual modo, as numerosas crises das que é testemuña directa a nosa xeración provocaron que un 22,1% da poboación galega en 2020 se atopara en risco de pobreza, á vez que nos últimos dez anos ascendeu en sete puntos no Estado español a dificultade de acceso á vivenda para a mocidade. Estes feitos dan lugar a un incremento das persoas que, ante a imposibilidade de sufragar os gastos asociados á adquisición e mantemento dunha vivenda, se ven obrigadas a malvivir nas rúas, presentando maiores problemas de saúde mental.

Precisamente no seo das persoas sen fogar, o xénero e a orientación sexual tamén xogan un papel importante. No caso das persoas que pertencen á comunidade LGBT, recentes estudos amosan como ante a imposibilidade de acceso ao mundo laboral e o sufrimento de violencia intrafamiliar, chegan, en moitas ocasións, á exclusión social a través da expulsión dos seus fogares, acontecendo o mesmo no
caso das mulleres vítimas de violencia de xénero.

Perante esta realidade, dende Galiza Nova reivindicamos un cambio estrutural. Que a vivenda deixe de ser comprendida coma unha mercadoría a disposición do capital. Para isto, no institucional e nas rúas, defendemos a vivenda digna como un dereito fundamental para todas as persoas!