O aumento de ratio de alumnado por aula, o feche de colexios rurais, a existencia de probas de nivel anti-pedagóxicas e a falta de financiación cara a pública mentres se subvencionan colexios privados e concertados (moitos deles vinculados á igrexa) fan que se camiñe cara unha maior mercantilización do ensino; desatendendo as dificultades económicas de moitas familias. Moitas estudantes vense obrigadas a depender de bolsas de estudo para poder continuar coa súa formación, sumidas nunha presión para poder acadar unha nota mínima e que se lles concendan as axudas.
Ademais, é necesario mencionar o fomento dun modelo de ensino competitivo, no que o único que importa e acardar o mellor resultado para garantir un mellor futuro ou reforzando a idea da necesidade dun título formativo para acceder ao mundo laboral. É unha realidade que estes feitos non fan máis que aumentar a presión e o estrés sobre o estudantado, incrementando así os problemas de saúde mental dos mesmos.
Por outra banda, coa chegada da pandemia e o ensino telemático tamén se viron incrementados estes problemas, debido á desigualdade de oportunidades pola fenda tecnolóxica e á imposibilidade de desenvolver o traballo estudantil nun espazo axeitado xa que non en todas as vivendas e dan as condicións óptimas para desenvolver o traballo con normalidade.
Entendemos pois que despois da situación vivida pola comunidade educativa, faise imprescindíbel atender os problemas de saúde mental que se están a evidenciar. Poñer o foco na saúde mental para abordar os problemas que existen xa a día de hoxe, mais sobre todo, poñer o foco na saúde mental para previr, paliar na medida do posíbel e/ou evitar os problemas futuros. Para isto é necesario que se dote aos centros de ensino de recursos e persoal para atender as necesidades de saúde mental que se están a detectar.
Entendemos que a atención da saúde mental do alumnado debe ser sempre unha prioridade, que se fai moito máis patente coa situación que estamos a vivir. Porque o coidado da saúde mental comeza dende a base, demandamos unha maior formación e máis recursos para os centros de ensino, para unha prevención digna da saúde mental.