A saúde mental e o feminismo

Coa aparición da pandemia en marzo do 2020 mudaron as condicións de vida das galegas e a xa sensíbel situación dos problemas arredor da saúde mental víronse moi agravados. Isto afectounos a todas mais achamos imprescindíbel atender as cuestións socioeconómicas que fan que o xénero sexa unha parte chave desta análise global.

Un dos problemas, que xa existían prepandemia mais que se viron agravados, son as condicións de vida e de traballo que desenvolvemos como consecuencia de estereotipos patriarcais, isto é, todas as tarefas do fogar recaen nas nosas mans, aínda que nós tamén traballemos.

Segundo se recolle nun estudo do Goberno de España, a incerteza da situación xerada pola pandemia está creando máis “episodios ansiosos” entre mulleres do que en homes porque temos traballos máis precarios que vemos perigar. Non podemos falar dos problemas de saúde mental nas mulleres sen falar da precariedade das nosas vidas, sen falar de que sostemos o sistema poñendo as nosas vidas (e saúde mental) como prezo a pagar por facelo.

O 85% dos psicofármacos son administrados a mulleres, os datos mostran como se disparou o consumo de ansiolíticos e antidepresivos en comparación a antes da crise sanitaria. O feito de vivir nunha sociedade androcéntrica, con violencia machista (incluída a non tan sutil psicolóxica), con grande dificultade para que as mulleres desenvolvamos as nosas carreiras profesionais. Isto xéranos problemas de saúde mental e non é posíbel resolvelos con fármacos, hai que mudar as condicións, o papel das mulleres na sociedade.

Desde Galiza Nova achamos imprescindíbel unha análise real da situación das mulleres no capitalismo e que se aborden as problemáticas con perspectiva de xénero, de pouco serven as análises por cuestión de xénero se non educamos en materia de igualdade, se non falamos da distribución das tarefas do fogar, se o sistema segue continuamente a reproducir estereotipos de xénero que nos afectan.