“A tiranía da beleza, unha dupla opresión” por Olalla Rodil

O pase de diapositivas require JavaScript.

A ‘beleza feminina’ é obxecto de representación e mesmo de culto desde a antigüidade. Porén, foi sufrindo variacións ao longo da historia. Desde as deusas gregas (Hera, Artemisa, Atenea, Afrodita) a través das que se representaba a quintaesencia da beleza, até Sara, Salomé ou Judit seguindo as representacións da tradición xudeocristiá.

Así as cousas, a súa beleza foi dunha banda fonte de inspiración artística e admiración mais tamén o óleo co que debuxar unha imaxe negativa das mulleres que alerta do poder de seducción e engano que se lle atribúe á súa fermosura. Un exemplo común, neste senso, son as sereas. Mulleres fermosas que engaiolaban coa súa beleza e cánticos os homes para os facer desaparecer no mar. A mitoloxía, a tradición popular, advirte das súas “armas de muller” e dos perigos da súa mentira, intriga e feitizos dos que se valen para a seducción.

Ao longo do tempo foron construíndose arquetipos de mulleres perversas que trouxeron o mal á humanidade. Pandora, a primeira muller creada polas deidades gregas, contaba con todas as cualidades que os distintos deuses lle outorgaron: beleza, graza, persuasión, habilidade manual mais tamén, mentira e falacia. Sobre ella caeu a responsabilidade de todos os males cando abriu a caixa que Zeus lle entregara, representando a partir dese momento a perdición de todos os males que atinxen a humanidade.

E non foi a única. Eva, muller creada por deus a imaxe e semellanza de Adán, foi responsábel da expulsión de ambos do paraíso logo de ter caído na tentación de comer o froito prohibido. Ese acto sometería toda a cristiandade –pois son os únicos que cren nesta teoría da Xénese– obrigada a ser baptizada ao nacer para quitar o pecado orixinal.

Unicamente a Virxe María, continuando coa tradición xudeo-cristiá, foi representada como exemplo de beleza, pureza e bondade dando lugar a unha dualidade que nos acompañará ao longo da historia entre a santa e a puta. Bruxas ou princesas. Vividoras ou amargadas. Secretarias ou bibliotecarias. Dous extremos, arquetipos ou categorías que partillan un elemento común, a construción da imaxe das mulleres desde fóra e en relación á actitude que manteñen para cos outros.

Mais volvendo ao rego. Esa imaxe da beleza feminina, seductora e enganosa que representan as sereas, chegou até nós coa representación cinematográfica das femme fatale como Marlène Dietrich ou Sharon Stone (Instinto Básico), definidas pola súa desexábel e engaiolante mais perigosa beleza e sexualidade.

“O modelo de beleza está sempre vencellado á apariencia física, a uns patróns estéticos e corporais prefixados e moldeados”

O modelo de beleza está sempre vencellado á apariencia física, a uns patróns estéticos e corporais prefixados e moldeados que no século XX impregnan toda a nosa vida cotiá. Coa xeralización do consumo a partir da incorporación das mulleres ao traballo asalariado, tornámonos nun público obxectivo ou target e a beleza feminina nunha opresión por dupla vía:

– En tanto que mulleres, sometidas a patróns e cánons de beleza pre-estabelecidos difundidos, agora, de maneira constante a través dos mass media. Actrices, modelos, presentadoras de televisión…
– En tanto que consumidoras a través da proliferación dunha forte industria capitalista despregada en produtos. Roupa, complementos, cosmética, operacións cirúrxicas, ximnasios, mesmo infusións adelgazantes promocionadas por antigas top model que nos farán meter o noso enorme pandeiro neses vaqueiros que se nos resisten no armario. Todas tenemos imposibes en nuestro armario, di o anuncio.

Ambas as dúas, sitúanse na base dese iceberg que representa a violencia machista, e fan parte diso que denominamos violencias invisibilizadas.

Unha dupla opresión que actúa de maneira combinada. A industria difunde un ideal de beleza femenina asociada ao éxito, a saúde, a felicidade e mesmo ao pracer a través dos medios de comunicación de masas e a publicidade para nos instar a mercar os produtos que permitirán que alcancemos un ideal de beleza que, no entanto, é irreal e inalcanzábel. Alta, delgada, moza, sen imperfeccións, sen pelo, sen poros.

Segundo un estudo desenvolvido polo goberno francés apenas o 8% das mulleres representan o cánon ou ideal de beleza das modelos.

“O bombardeo constante do ideal de beleza feminina fai que este se torne nunha obsesión para moitas mulleres configurando o que Naomi Wolf denomina o ‘mito da beleza’ ou Lourdes Ventura a ‘tiranía da beleza’.”

O bombardeo constante do ideal de beleza feminina fai que este se torne nunha obsesión para moitas mulleres configurando o que Naomi Wolf denomina o ‘mito da beleza’ ou Lourdes Ventura a ‘tiranía da beleza’. Un cánon que exclúe a diversidade pois todas as figuras representan o mesmo, e que impón o corpo como medida de valor social da persoa xerando mesmo unha adicción polo aspecto físico e, por suposto, o rexeitamento dos corpos que saian da norma (gordofobia).

Segundo Naomi Wolf esta tiranía é usada como unha arma de control social que, ademais, frea o avance das mulleres. E é que, afirma, na realidade sempre determina o comportamento, non a apariencia.

“O envelhecimento na mulher é “feio” porque as mulheres adquirem poder com o passar do tempo e porque os elos entre as gerações de mulheres devem sempre ser rompidos. As mulheres mais velhas temem as jovens, as jovens temem as velhas, e o mito da beleza mutila o curso da vida de todas. E o que é mais instigante, a nossa identidade deve ter como base a nossa “beleza”, de tal forma que permaneçamos vulneráveis à aprovação externa, trazendo nosso amor-próprio, esse órgão sensível e vital, exposto a todos”, afirma.

Vídeos

Desmontando o bisturí tecnolóxico do Photoshop. Campaña da axencia de publicidade Rare Digital Art.

                                                     

Videoclip Boggie. Nouveau Parfum (a letra é moi descritiva) Idioma orixinal Francés.

Bbliografía

El mito de la belleza femenina: crónicas de una tiranía posmoderna
Coral Herrera http://brasil.indymedia.org/media/2007/01/370737.pdf

LA TIRANIA DE LA MODA Y LA BELLEZA. Reinventando la corporalidad femenina.
Susana Rioseras Asociación de mujeres Hypatia de Burgos
http://www.feministas.org/IMG/pdf/19-_dictadura_de_la_belleza-_Susana_rioseras.pdf

O mito da beleza (1991), Naomi Wolf. (Portugués) http://brasil.indymedia.org/media/2007/01/370737.pdf