A violencia obstétrica institucional. Artigo de Alba Barcia

Estamos ante un novo paso no desmantelamento da sanidade pública galega. A Xunta de Galicia, da man de Alberto Núñez Feixóo, arremete nesta ocasión contra as mulleres que deciden ter unha crianza.


O SERGAS argumenta esta decisión como unha necesidade tomada por criterios técnicos e de calidade. A decisión tomada por parte do servizo galego de saúde vese cuestionada por parte do Colexio Oficial de Médicos de Ourense a pesares de que o seu presidente, José Luis Jiménez, ampara o desmantelamento do paridoiro e o servizo de pediatría de Verín.


A realidade do que está a acontecer é ben distinta, o pediatra do centro xubilouse en setembro deste mesmo ano e a Xunta de Galicia decidiu non repor esa praza, obrigando as mulleres a ter que desprazarse até Ourense, a máis de 70 quilómetros, para poder acudir a un servizo médico de pediatría e poder dar a luz as crianzas nun lugar seguro e atendidas polo persoal médico necesario.


Centralizando os servizos médicos reducen custos, pero estes teñen grandes repercusións. Como sociedade non podemos permitir que as mulleres e as crianzas non teñan acceso a unha sanidade de calidade. Ninguén debe por en risco as nosas vidas!


Despois da manifestación do pasado día 30, cunha representación histórica da sociedade na comarca de Monterrei, á cal asistiron máis de 15.000 persoas. Nesta segunda feira as traballadoras e a veciñanza tomaron a decisión de comezar un peche indefinido no hospital, conseguindo unha reunión cun representante da Xunta, que deu a súa negativa a negociar sobre reapertura no centro.


Este tipo de violencia contra as mulleres é a denominada violencia obstétrica o observatorio da violencia obstétrica defínea así: “Apropiación do corpo e dos procesos reprodutivos das mulleres por parte de prestadores da saúde, isto exprésase nun trato xerárquico e deshumanizador, nun abuso de medicalización e patolixación dos procesos naturais, traendo consigo unha perda de autonomía e capacidade de decidir sobre os seus corpos e a sexualidade impactando na calidade de vida das mulleres”.


Esta programación débese a que o sistema capitalista solicita un gasto cada vez menor na atención a mulleres. Deste xeito, reduce custes programando o trato cara a muller cunha diminución do número de profesionais para atendelas e con estancias reducidas, indo en contra dunha recuperación e atención axeitada.


As prácticas de violencia obstetricia contra as mulleres son constantes. Unha delas, das máis duras, é a realización da episiotomía, a cal é a realización dunha incisión na vulva para facilitar a saída do feto e evitar desgarros. En moitos casos esta práctica é realizada sen consentimento ou mesmo sen anestesia.


As mulleres galegas non imos deixar que as nosas vidas nin as das nosas crianzas se poñan en perigo. Temos dereito a unha sanidade pública de calidade. Verín non se pecha!