Levar ao Congreso a voz da xente nova, a voz da xente que quere traballar e facer a súa vida aquí en Galiza, que non aspira nin a un traballo precario nin a marchar á emigración, senón a desenvolver o seu talento aquí, onde sabe e pode facelo. Luís Bará, candidato do BNG-Nós por Pontevedra, foi así de contundente hoxe na visita ao local de ensaio posto en marcha polo goberno local do BNG en Pontevedra, na que estivo acompañado pola portavoz nacional Ana Pontón, e onde respostou ás preguntas sobre políticas de emprego para a mocidade de máis dunha vintena de mozas e mozos.
Bará destacou que o proxecto do local de ensaio é unha aposta “polo talento e a capacidade creativa que ten a mocidade”. Lembrou que chegou da man do goberno nacionalista en Pontevedra logo de ser posto en marcha polo BNG na Xunta de Galiza, “quen non puido desenvolver o seu potencial” coa chegada do PP. Segundo o nacionalista, iniciativas como esta “están a dar froitos en forma de talento, creatividade, de grupos de música que están a desenvolver a súa actividade, a gravar, e que poden iniciar o seu camiño no ámbito musical” e demostran que o da música “pode ser un sector emerxente con potencial para xerar emprego de calidade e poñer en marcha circuítos de difusión e distribución da nosa música”.
“Este é un exemplo como moitos outros das potencialidades e das posibilidades que ten este país se se aposta por el, se se confía nas propias forzas e se desenvolven todos os recursos e potencial que ten Galiza”, subliñou. O cabeza de lista do BNG-Nós por Pontevedra destacou que é preciso que as forzas galegas con ADN cen por cen galego defendan esas potencialidades do país en Madrid apostando por vías de saída da crise como a innovación, o coñecemento e ciencia, “porque tamén hai experiencias que demostran que este país é capaz de desenvolver experiencias pioneiras e innovadoras neste ámbito”, dixo.
“Quero transmitir unha mensaxe de esperanza, de que o nacionalismo galego vai poder cambiar ese papel que lle teñen asignado a Galiza. Quero dicir que este país, dende logo, ten futuro se dispón de ferramentas políticas e financeiras, e o BNG é a única garantía de que o país viva ese cambio de papel dentro do Estado, de ser protagonista nun cambio de goberno para poñer os intereses de Galiza como liñas vermellas á hora de conformar o executivo logo das eleccións do 26X. Por iso é preciso que os galegos e galegas voten BNG”, finalizou.
Menú trucado que cuestiona o nacionalismo
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, tamén fixo fincapé en que estas eleccións son unha oportunidade para que os galegos e as galegas “poidamos decidir” e non só “sexamos espectadores da política estatal, unha política na que nestas eleccións nos queren presentar un menú a catro, un menú trucado, un menú no que se quere claramente poñer en cuestión o papel do nacionalismo”.
Pontón destacou que resulta “curioso ver as portas xiratorias entre a nova e a vella política”, referíndose á visión ‘centrípeta’ da política madrileña que comparten todas as forzas estatais.
Sorprende ver como líderes desa autodenominada nova política en Madrid veñen a Galiza a defender o mesmo discurso centralista que podería facer o señor Aznar”, asegurou, para sinalar que a alternativa para Galiza pasa por romper con ese centralismo e esas políticas “que están a expoliat os aforros, os nosos recursos, e que mesmo provocan a emigración cada vez maior de xente nova en Galiza”.
“A alternativa é o BNG, que vai seguir reclamando a defensa dos galegos e galegas porque entendemos que necesitamos unha voz firme que nos defenda en Galiza, unha voz que non sexa espectadora nin apéndice de ningunha forza estatal”, subliñou.
En canto á mocidade, Pontón insistiu en que as políticas de Feijóo, de Rajoy, e os recortes impulsados dende a Unión Europea, “precarizan cada vez máis o mercado laboral e mesmo intentan roubarlle a confianza e a esperanza neste país”. Puxo enriba da mesa o proxecto do nacionalismo galego e sinalou que “nós, no BNG, somos persoas comprometidas cun proxecto alternativo que cremos que non é lóxico que a mocidade de Galiza teña que emigrar ou vivir na precariedade. Vivimos nun país con posibilidades se realmente somos capaces de cambiar a dinámica política e poñer en marcha un cambio dende o punto de vista económico que aposte pola creación de emprego de calidade do noso país. Somos parte desa xeración que cre que os galegos e galegas non temos que emigrar… Non nos da a gana de que a xente de Galiza teña que coller as maletas cando vivimos nun país rico”, sentenzou.