A xuízo cinco membros de Galiza Nova denunciad@s por defenderen o ensino público

denunciados_Mondariz_muralGaliza Nova convoca unha concentración para o mércores 16 de abril, ás 11:15 horas diante dos Xulgados de Ponteareas en apoio d@s moz@s denunciad@s.

Galiza Nova convocou esta mañá en rolda de prensa unha concentración de solidariedade coas e cos cinco militantes denunciad@s polo alcaldade de Mondariz, e que terá lugar o vindeiro día 16 de abril, coincidindo co momento en que @s nos@s compañeir@s entrarán no xuízo.

Os membros de Galiza Nova foron denunciados polo alcalde do PP en Mondariz, Julio Alén, por realizaren un mural en defensa do ensino público, e serán xulgados por “falta de deslucimento” segundo recolle a citación.

Resulta ridículo que Julio Alén nos acuse de deslucir cando o que se realizou foi un mural na defensa do ensino público e tapando outras pintadas xa existentes neste muro contiguo ao instituto.

“O PP ten no seu punto de mira ao ensino público e á mocidade galega que se rebela contra as súas políticas”

O Secretario Xeral de Galiza Nova, Alberte Mera, declarou que “o PP ten no seu punto de mira ao ensino público e á mocidade galega que se rebela contra as súas políticas e que reivindica os seus dereitos. Por iso están a levar a cabo accións represivas como aconteceu neste caso en Mondariz e como está a acontecer noutros puntos do País”.

rolda_prensa_mondarizGaliza Nova non lles vai dar tregua e seguirá mobilizando á mocidade galega!

O Partido Popular intenta sementar o medo entre a mocidade por medio de sancións administrativas, xudiciais, económicas e penais. Pero Galiza Nova non lles vai dar tregua e seguirá mobilizando á mocidade galega e levando adiante accións de todo tipo na defensa do ensino público galego. O Secretario Xeral de Galiza Nova salientou que é fundamental combater as políticas españolistas e de dereitas que nos condenan á miseria e que, no caso do ensino coa LOMCE, nos condenan a unha educación elitista na que só poida estudar quen máis recursos teña.

O Responsable Local de Galiza Nova en Ponteareas, Miguel Bouzó, que tamén será xulgado, anunciou que “nin a represión, nin as identificacións, nin as denuncias do PP van conseguir calarnos, polo que continuaremos loitando polo ensino público galego”. Miguel Bouzó anunciou que “Galiza Nova convoca unha concentración en apoio ás persoas denunciadas, que se celebrará ás 11:15 horas do mércores 16 de abril, diante dos Xulgados de Ponteareas, coincidindo co xuízo aos membros que realizamos o mural”.

Queremos agradecer os apoios que estamos a recibir por parte das veciñas e veciños de Mondariz por defendermos o ensino público, así como as felicitacións polo mural, que mellorou a imaxe do muro.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *