A Consellaría de Educación ordenou a interrupción da presentación dun libro e documental no IES Ánxel Fole, Lugo. Galiza Nova vén de denunciar o autoritarismo da Xunta do PP e o recorte de dereitos como o de reunión e realización de actividades culturais.
Este mércores a organización estudantil nacionalista Comités presentaba o libro e documental “O estudantado galego sae á rúa” no IES Anxel Fole de Lugo sobre a historia do movemento estudantil galego e da organización Estudantes Revolucionarios Galegos (ERGA), a partir da cal en 1988 naceu Galiza Nova. A realización deste acto contaba co permiso necesario por parte do centro educativo e, cando se estaba a desenvolver con total normalidade na tarde deste mércores 17 de setembro, a dirección do propio instituto informou ao estudantado presente no acto de que debía abandonar o salón de actos do IES Ánxel Fole, posto que a Consellaría de Educación acababa de prohibir a celebración de dito evento, alegando, de forma totalmente inédita, que quen fixera a solicitude era un estudante menor de idade.
É inexplicábel que nun centro de ensino público se dean este tipo de prohibicións e atentados por parte da Xunta contra a liberdade de expresión, pois é totalmente democrático e necesario para unha sociedade, que o propio estundantado se autoorganice e realice por si mesmo actividades de carácter formativo e cultural para complementar a súa propia aprendizaxe. “Debera ser de admirar pola Consellaría de Educación que o estudantado teña inquedanzas polo coñecemento da propia historia do país e organice actividades para aprender, debater e contrastar opinións para fomentar o seu propio espírito crítico. En lugar diso, a Xunta continúa instalada no franquismo e aplica prohibicións e disolve actos culturais a golpe de ordeno e fago saber” denuncia Alberte Mera, Secretario Xeral de Galiza Nova.
Paradoxicamente, o estudantado presente viviu en primeira persoa algunhas das situacións que os ponentes convidados á presentación do libro, Pascuala Dorado e Daniel Vispo, estaban a narrar sobre as súas vivenzas cando eran estudantes, como era a prohibición de actividades culturais, asembleas estudantís ou mobilizacións.
O Responsábel Comarcal de Galiza Nova en Lugo expresou a súa solidariedade coa organización estudantil Comités e esixiu a Educación que dea explicacións e desculpas. Anunciou así mesmo, que tanto Galiza Nova coma o BNG están a estudar medidas para evitar que a Consellaría de Educación continúe a prohibir e a censurar actividades organizadas polo propio estudantado nos centros de ensino públicos, vulnerando todos os dereitos democráticos.