O Aberri Eguna non é só unha data simbólica para o pobo vasco. É unha declaración política, unha mensaxe clara: Euskal Herria existe, resiste e non se rendeu nunca. Cada Domingo de Resurrección, os vascos saen ás rúas para reivindicar a súa identidade nacional, mais tamén para tecer pontes con outros pobos en loita, como a Galiza, que camiña no mesmo sendeiro da liberación.
Ao longo da historia, o Estado español respondeu con represión, ilegalizacións e violencia. Porén, o pobo vasco, lonxe de calar, organizouse. O Aberri Eguna é tamén o reflexo dunha loita popular e anticapitalista que non entende a liberación nacional sen a xustiza social.
Na Galiza, tamén encontramos un pobo que se nega a desaparecer. O independentismo galego partilla coa loita vasca unha historia de represión, mais tamén de organización e dignidade. Desde a loita labrega e obreira, até a defensa da lingua e da cultura propia, Galiza e Euskal Herria levan décadas partillando loita e esperanza.
As militantes galegas que participan ano tras ano no Aberri Eguna non veñen só como convidadas, tamén como compañeiras neste longo traxecto. As estreleiras e o lauburu érguense xuntas non soamente nun xesto estético, tamén nunha afirmación política: somos pobos irmáns e a nosa loita é común.
Fronte aos que pretenden opor e exercer violencia nos nosos dereitos, as soberanistas da esquerda da Galiza e de Euskal Herria teñen claro que non hai liberación nacional sen internacionalismo. O noso inimigo non é outro pobo, senón o sistema que nos explota, nos expulsa e nos silencia. Aberri Eguna tamén é Palestina, Irlanda ou América Latina: neste dia as loitas conéctanse. Galiza non só apoia, senón que participa activamente nesta loita global.
Como galegos e galegas, queremos construír soberanía, defender a terra e vivir dignamente. Defendemos e loitamos contra un capital que avanza en mans de multinacionais e oligarcas, onde os pobos que se organizan desde abaixo teñen unha tarefa urxente: construír poder popular, defender o país e ter o dereito a decidir por nós mesmas. Desde as asembleas até o feminismo combativo, Galiza e Euskal Herria están a demostrar que a independencia non é unha utopía, senón un proceso vivo e colectivo. O Aberri Eguna non é só do pobo vasco, pertence a todos os pobos que loitan. Desde Galiza temos algo claro: mentres teñamos un só pobo que loite, ningún estará só.
Que viva a nosa patria e a terra en que traballamos, a lingua que falamos e a liberdade pola que loitamos. Galiza ceibe! Euskal Herria askatuta! Pobos en pé, loitas que camiñan xuntas.