Basta de terrorismo machista! #QuerémonosVivas

Poucos días despois de coñecermos o asasinato dunha muller en Ponte Sampaio a mans da súa ex-parella, recibimos a noticia do que todo indica ser un novo feminicidio, que se produciu esta madrugada en Vigo.

De acordo coas informacións publicadas nalgúns medios de comunicación trátase dunha muller de 71 anos de idade, que tería sido tirada pola fiestra dun terceiro piso no barrio vigués do Calvario despois dunha agresión machista.

Con ela, suman xa 8 as mulleres asasinadas polo terrorismo machista no que vai de 2015 na Galiza, dúas delas meniñas.

Desde Galiza Nova lembramos que a magnitude do número de feminicidios -que só é a punta do iceberg- xunto coa (re)produción de múltiples formas de violencia, moitas veces invisibilizadas, urxen unha resposta social colectiva, mais tamén política e institucional que non fique só na repulsa ou condena. É precisa a adopción de medidas integrais efectivas que combatan o machismo e pulen por un outro modelo de relacións entre as persoas baseado na equidade.

Participa nas concentracións contra o terrorismo machista que terán lugar nos seguintes días ás 20h e lugares:
Xoves 29
Vigo: diante do Marco.
Venres 30
Lugo: praza do Concello.
Sábado 31
Ourense: Castañeira (subdelegación).
Ferrol: Praza do Concello.
Pontevedra: diante da Audiencia Provincial.
A Coruña: Obelisco.
Compostela: Porta do Camiño.
Cee: Praza 8 de Marzo.
Boiro: Praza do Concello.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *