Abril, o pasado que é futuro

Unha vez máis e coma cada ano, milleiros de persoas levaron a Revolución de Abril ás rúas e avenidas de Lisboa e reclaman unha nova revolución baixo o lema «Abril de novo com a força do povo».

A decadencia do fascismo portugués intensificárase coa guerra colonial. A carraxe das familias que vían os seus fillos regresar en cadaleitos ou mutilados sumouse á resistencia, na maioría dos casos, clandestina e as imaxes dunha revolución que ninguén esperaba encheron os telexornais do mundo enteiro. Lisboa deixaba de ser aquela capital gris para se converter nunha referencia para todos os movementos antifascistas e de transformación social, e que foi un sopro de esperanza para as organizacións pola liberación nacional e social na Galiza.

Quen tampouco esperaba a revolución era José Louro. Poucos días antes fuxía da policía despois dunha vaga de detencións, que foran as últimas da ditadura. O xornalista e comunista portugués relata que xa tiña sido despedido de forma compulsoria de varios xornais e agora a policía política apertaba o cerco aos intelectuais antifascistas. «De repente, comecei a ver como toda a gente que me era próxima acabava na prisão. Incluindo a Helena Neves e o Gorjão com os quais andei à pressa a tentar esconder algum material», explica. «Era um funcionário do PCP que estaria a ser seguido e como eu faltei ao encontro com ele acabaram por não me apanhar».

Fernando Correia, pola contra, non conseguiu escapar. A policía petou á porta do daquela xornalista do Diário de Lisboa e levouno para o cárcere de Caxias. Foi no illamento da súa cela que comezou a se decatar de que se producían movementos estraños. Na mañá do 26 de abril de 1974, viu desde a súa ventá como varios automóbiles facían sinais de luces e soaban as bucinas. «Era uma situação insólita em pleno fascismo. Havia gente ao longe a agitar roupa e percebi que algo de estranho se passava. Mas era a primeira vez que ia preso e todavia não sabia como comunicar em código com os restantes presos», conta Fernando Correia. Foi xa avanzada a mañá cando viu como un grupo de mariñeiros, xornalistas e avogados entraban no patio do cárcere aos berros de «Viva a liberdade!» e «Caiu o fascismo!». Entre eles, tamén ía José Louro. «Um marinheiro abriu a porta da cela e perguntou-me o nome e por que estava preso. E respondi-lhe: estou acusado de pertencer ao Partido Comunista Português. Olhou para mim e disse-me que estava livre», lembra aínda con ton de incredulidade.

Os acontecementos sucedíanse por veces de xeito espontáneo e case cómico como no caso de Carlos Coutinho, operacional da organización Acção Revolucionária Armada, que trocou de lugar na cela con José Louro para abandonar a prisión. Á saída encontrou dirixentes do seu partido que lle indicaron que debía regresar á cela para non afectar as negociacións. El propio tivo que petar á porta do cárcere e pedir volver á súa cela. Na madrugada do 27 de abril os presos abandonaron a prisión de Caxias, despois de teren anunciado que ou saían todos ou non sairía ningún.

Fernando Correia lembra aquel como un dos días máis fermosos da súa vida e a radicalización do proceso revolucionario reafirmou o seu compromiso coa loita do pobo portugués pola emancipación social: «Foi a concretização de uma luta pessoal e colectiva. Creio que a memória da revolução é fundamental pela necessidade de prosseguir e aprofundar os princípios de Abril que estão, em parte, plasmados na Constituição». Hoxe entende que a pesar de todos os ataques e revisións, o documento aínda sintetiza moitos dos dereitos conquistados e que é unha barreira ao proceso contrarrevolucionario que se desatou no fin do 1975.

A Constitución portuguesa do 1976 foi unha das máis avanzadas do mundo no seu momento e tamén o é hoxe. Non só consagra un conxunto de dereitos sociais, económicos, políticos e culturais, senón que tamén apunta no preámbulo o socialismo como o horizonte de Portugal e defende o dereito dos pobos á autodeterminación e a insurrección contra todas as formas de opresión. Non é sorpresa que, mentres que no estado español a dereita celebra e aférrase á Constitución, en Portugal é a esquerda quen fai dela instrumento de loita.

Corenta e tres anos despois, a lección histórica da revolución continúa presente nos movementos sociais e políticos da esquerda portuguesa. A organización e a unidade foron elementos determinantes na destrución do fascismo e continúan a selo para devolverlle a Portugal un futuro que por veces sabe a pasado e cravos vermellos.

NOTA: Este texto foi publicado no Semanario Sermos Galiza o pasado mes de abril de 2017