No día de hoxe coñecemos a nova da absolución das 12 militantes de Causa Galiza e Ceivar acusadas de enaltecemento do terrorismo. En primeiro lugar, desde Galiza Nova queremos transmitir os nosos parabéns a estas militantes independentistas e expresar a nosa máxima solidariedade con elas após cinco anos de incertezas e criminalización.
Vimos reiterando, desde o momento en que se coñeceron as detencións, a importancia de defendemos os dereitos das encausadas e a legalidade destas organizacións independentistas. Fixémolo non só convencidas da falta de consistencia das acusacións da xustiza española, senón tamén como obriga democrática nun momento no que é urxente a loita polas nosas liberdades colectivas.
Após as súas deliberacións, a Audiencia Nacional vén de contradicir a Fiscalía e os testemuños policiais que falaban dun delito de “organización criminal”. Este feito supón a apertura de máis unha fenda no seo do Réxime, e nun estado no que as instancias xudiciais e os corpos policiais parecen cada día máis preocupados de perseguir a disidencia.
Mais a vitoria non nos debe facer esquecer que a Audiencia Nacional constitúe unha institución herdeira directa do franquismo, e que xa ten no pasado emitido vereditos contra as independentistas galegas. Ademais, cómpre lembrar que isto non significa a fin da persecución da disidencia política a través de ferramentas represivas “legais” por parte do estado español. O seu carácter antidemocrático continúa vixente e a necesidade dunha ruptura real coas estruturas herdadas do franquismo, aínda máis.
Sempre antifascistas, sempre independentistas. Viva Galiza ceive!