A Asemblea de Mulleres de Galiza Nova sumou a Galiza á acción internacional Women In Black, contra o feminicidio. “Non imos ficar caladas” afirmou Lucía Veciño, responsábel de Asemblea de Mulleres de Galiza Nova durante o desenvolvemento da acción que xuntou a mozas da organización xuvenil do BNG e a compañeiras do Bloque entre as que participaron Goretti Sanmartín, concelleira nacionalista en Compostela.
Desde Galiza Nova denunciaron con esta acción que se está a realizar en distintos país de América do Sul até Euskal Herria, “este sistema patriarcal que somete as mulleres, agrede e asasina día a día” declarou Lucía Veciño.
No que vai deste ano no noso país foron asasinadas catro mulleres. Cifras que se incrementarían de seren computados todos os crimes por razón de xénero, mais que a lexislación española actual non contempla como violencia machista. Eis o caso de Adela López, asasinada en 2014 ou mesmo o de Amaia e Candela este ano en Moraña, cuxo obxectivo era prexudicar a nai.
A magnitude dos dados estatísticos -que son só a punta do iceberg- xunto coa (re)produción de múltiples formas de violencia, moitas veces invisibilizadas, urxen unha resposta social colectiva mais tamén política e institucional que non fique só na repulsa ou condena. É precisa a adopción de medidas integrais efectivas que combatan o machismo e pulen por un outro modelo de relacións entre as persoas baseado na equidade.
Aliás, e como xa ten reclamado o grupo parlamentar do Bloque Nacionalista Galego (BNG) no Parlamento, é preciso mudar a lexislación vixente para outorgar visibilidade ao que está a acontecer deixando en evidencia que non se tratan de casos illados, de carácter privado ou meramente sentimental, senón que constitúen un feminicidio. Isto é, como definiu xa en 1990 Diana Russell, “o asasinato de mulleres realizado por homes por [razóns de] odio, desprezo, pracer ou un sentido de propiedade”