O pasado sábado tivo lugar en Santiago de Compostela unha nova Dirección Nacional de Galiza Nova. Nela analizouse o contexto político actual, fortemente marcado pola escalada belicista o auxe da ultradereita a nivel mundial, así como polo incremento do gasto militar ou a inestabilidade do goberno do Estado; valorouse o traballo realizado até o momento e marcáronse os retos para os vindeiros meses.
ORGULLO LGBT 2025
Durante o mes de xuño Galiza Nova volverá poñer enriba da mesa outra persoa LGBT da historia de Galiza, como vén facendo dende os últimos anos, co obxectivo de crear referentes LGBT no noso país e reivindicar as súas figuras. Despois de Susana do Páramo ou Laura Bugallo, unhe nove referente LGBT será e protagonista da campaña do orgullo deste ano.
VII SEMANA DA PATRIA GALEGA E HOMENAXE A ROSALÍA E CASTELAO
Aprobamos os plans de traballo de cara á sétima edición da Semana da Patria Galega, que este ano terá lugar do 14 ao 23 de xullo, e á tradicional Homenaxe a Rosalía e Castelao o 24 de xullo, que este ano estará máis centrada no pai do nacionalismo galego ao ser este 2025 ano Castelao.
EMANCIPACIÓN XUVENIL, EMANCIPACIÓN NACIONAL
A situación de precariedade que actualmente vive a mocidade galega foi o principal obxecto de debate desta Dirección Nacional. Galiza Nova realizará no mes de setembro un grande acto de presentación da súa análise e alternativa para garantir a emancipación nacional do noso país e a emancipación digna da mocidade galega.
OUTRAS CUESTIÓNS TRATADAS NA XUNTANZA
Na xuntanza tamén se avaliou o grande acto de presentación da campaña das Letras Galegas en Moaña, que estará seguido de outros actos nas diferentes comarcas do país e que terá como cuestión central a grande foliada nacional o 17 de maio en Santiago de Compostela.
Así mesmo, acordouse a participación masiva na nova mobilización nacional contra Altri que terá lugar o 1 de xuño en Pontevedra. Farase traballo de axitación tanto na comarca de Pontevedra como na do Morrazo e terase presenza de Galiza Nova en ámbalas dúas manifestacións.
Por último, ante a proximidade do 76 aniversario da Nakwa, reforzamos a nosa solidariedade internacionalista co pobo Palestino e insistimos na necesidade de que non se deixe de falar do xenocidio que o sionismo israelí está a cometer na faixa de Gaza.