ACTO POLO DÍA DA GALIZA MÁRTIR EN RIBEIRA

O vindeiro mércores 16 de agosto Galiza Nova e o Bloque Nacionalista Galego de Ribeira lembrarán polo día da Galiza Mártir a Alexandre Bóveda, un dos mitos do galeguismo e convertido en mártir pola defensa incondicional dos seus ideais, e a Manuel Lustres Rivas, xornalista e veciño de Ribeira represaliado na Illa de San Simón e asasinado en 1936, aparecendo o seu corpo nunha cuneta da parroquia de Trasmañó en Redondela.

Lembraremos a estes dous patriotas asasinados polos fascistas e a todas e todos os mártires da Galiza, aquelas persoas que sufriron a mans do españolismo e do fascismo por defenderen a Galiza e a liberdade.

Esta homenaxe a Bóveda e Lustres Rivas será o mércores 16 de agosto ás 20h nas rúas Alexandre Bóveda e Lustres Rivas de Ribeira. O acto contará con intervencións políticas e musicais, así como dunha ofrenda floral.

“O sangue dos nosos mártires non se derramou para que aceptemos unha promesa de benestar outorgado por decreto”

.

Dende Galiza Nova animamos a toda a mocidade a sumarse a este tributo, pois en palabras de Castelao, “O sangue dos nosos mártires non se derramou para que aceptemos unha promesa de benestar outorgado por decreto”. Se queremos unha Galiza na que a mocidade poida vivir con dignidade e traballar con plenos dereitos temos que coñecer a historia do noso pobo, rebelarnos, organizarnos e loitar.