Acto reivindicativo na Secretaría Xeral de Política Lingüística

Desde Galiza Nova realizamos este Venres, 4 de Maio, un acto reivindicativo na Dirección xeral de Política Lingüistica da Xunta de Galiza. A nosa protesta foméntase no non cumprimento dun dos deberes máis importantes da Xunta de Galiza, a defensa activa e normalización da lingua galega.

Desde que o PP chegou á Xunta de Galiza despois do bipartito só se dedicou a abandonar a defensa da nosa lingua, sendo esta a única lingua do estado español que está a perder falantes, ademais dunha forma alarmante.

Isto coincide no tempo coa propaganda que está a facer o PP do seu Plano de Dinamización da Lingua Galega entre a Mocidade, que aínda que xa foi anunciado no 2016 segue sen comezar na práctica. Un documento que ademais non afonda no problema e que so recolle vaguidades e cero medidas reais. É preciso recordar como este mesmo goberno xa aprobou en 2009 o decreto do plurilingüismo, que na práctica supuxo unha redución drástica das horas impartidas na lingua galega no ensino, chegando a prohibir impartir certas materias na nosa lingua na educación primaria.

Dende Galiza Nova consideramos fundamental que para a conservación e avance do galego entre a mocidade exista un plano real de normalización lingüística entre a mocidade, e a fomentación da mesma en espazos de interese como a televisión pública e a rede.

Sobre o acto de protesta realizado esta mañá cabe destacar que se nos prohibiu acceder ao edificio, identificando a dúas persoas no control de acceso e posteriormente prohibíndolle a entrada ao mesmo do resto de persoas, cerrando a porta do edificio público.  Posteriormente realizouse o despregamento dunha faixa co lema “Fronte a hipocrisía, Defensa real da Lingua” pedindo que a defensa da lingua sexa real, destinando recursos para que as mozas galegas poidamos relacionarnos co noso mundo plenamente na nosa lingua.

Logo deste acto, fora do edificio, e nas declaracións que se estaban a realizar desde Galiza Nova, coa participación tamén de Noa Presas deputada do BNG do Parlamento Galego, as compañeiras da organización fomos identificadas pola Policía Nacional, sen motivo aparente, pois as únicas dúas persoas que entraron no edificio foran debidamente identificadas no seu momento, o que supón outro acto de gran disfuncionalidade democrática do Estado no que vivimos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *