ACUDE ÁS CONCENTRACIÓNS CONTRA A LGTBIFOBIA!

Na noite de Fin de Ano tivo lugar unha grave agresión de carácter homófobo na cidade da Coruña. Dous mozos agrediron a outro verbal e fisicamente chegando incluso a roubarlle as súas pertenzas, polo mero feito de ser gai.

Nunha sociedade dominada polo heteropatriarcado, a violencia LGTBIfóbica aínda goza de certa impunidade, chegando a ser o delito de odio máis frecuente no Estado español. A ausencia dunha lexislación que identifique estes tipos de violencia e impoña sancións específicas, fai que a situación se agrave e que a inmensa maioría destes delitos queden impunes ou mesmo sen denunciar, xa que a vítima en moitos casos vese totalmente desamparada ante a lei.

Dende a Asemblea LGTBI de Galiza Nova condenamos este acto e tamén queremos mostrar a nosa máis enérxica repulsa ante a LGTBIfobia que nos agrede cada día. Por iso animamos a participar nas concentracións que terán lugar mañá mércores ás 20h:
– A Coruña: diante do Obelisco
– Compostela: praza do Toural
– Vigo: fronte ao Marco

Dende Galiza Nova unha vez máis condenamos enerxicamente a LGTBifobia e a súa violencia, e por extensión opoñémonos a tódas as formas de violencia mediante as cales o sistema heteropatriarcal nos oprime. Por iso reiteramos a nosa implicación e fondo compromiso coa loita polos dereitos de identidade de xénero e de liberdades sexuais.