Agora máis que nunca, República Galega!

1024-768Pasaron 84 anos desde a proclamación da I República Galega o 27 de xuño de 1931, mais a sociedade galega segue a necesitar unha solución política clara e de carácter soberanista que lle dea cabida a todas as problemáticas que está a sufrir derivadas das políticas do goberno español e autonómico e da situación de dependencia da nosa nación.

Por aquel entón, foi a suspensión das obras de ferrocarril que ían comunicar A Coruña con Zamora, a instancias do Ministro Indalecio Prieto (PSOE), as que provocaron unha masiva folga do movemento obreiro debido aos 12.000 despedimentos que se executaran. A marxinación de Galiza novamente co resto da península e a toma de conciencia de que os problemas e necesidades do pobo galego estaban a ser desprezadas polo goberno español, deixando na miseria a Galiza, foron os motivos que levaron á proclamación por parte da clase obreira e militantes nacionalistas, comunistas e mesmo anarquistas da I República Galega. Primeiro o 25 de xuño en Ourense e, dous días máis tarde, en Santiago de Compostela, agardando por vindeiros anuncios en numerosos concellos galegos.

O apoio das masas populares en manifestación en diversos puntos do territorio galego –e tamén en Zamora–, así como a toma do Pazo de Raxoi na capital compostelá, foron cruciais para o nacemento da, aínda que curta, I República Galega

O apoio das masas populares en manifestación en diversos puntos do territorio galego –e tamén en Zamora–, así como a toma do Pazo de Raxoi na capital compostelá, foron cruciais para o nacemento da, aínda que curta, I República Galega, e con ela a decisión clara de romper co estado español.
É entón cando Alonso Ríos é nomeado presidente da Xunta Revolucionaria da República Galega, chamando este no seu discurso a facer “a nosa revolución por encima de todos os poderes centrais incorridos por ter, proclamando a independencia. […]As candidaturas formadas até agora están cheas de caciques. A verdadeira vontade galega, democraticamente revolucionaria, aínda non deixou oír a súa voz, e eu conxúrovos, cidadáns, a que dunha vez fagamos a nosa revolución por encima de todos os poderes centrais habidos e por haber, proclamando a nosa independencia e abrazándose, si fai falta, cariñosamente a Portugal, a nosa irmá”.

Aínda que a falta de seguimento noutras vilas do país e a limitada implicación cidadá fixeron que a República Galega tivese unha vida curta, foi un fito que marcou un antes e un despois político para o momento que se estaba a vivir por aquel entón. Necesidades tan actuais como ter capacidade económica, produtiva e política propias foron reivindicadas por todas aquelas persoas que vían como Galiza era unha moeda de troco para España, que a usaba segundo os seus beneficios e antollos. Desgrazadamente, tamén hoxe España, cos seus gobernos do PP centrais e autonómico -e con aliados como o PSOE e outras forzas españolas- queren utilizar ao pobo galego como moeda para vender ao mellor postor, incluso se na transacción acaban e aniquilan aquelas cousas imprescindíbeis para vivir e traballar dignamente na Galiza.

Agora máis que nunca, ao igual que en 1931, é preciso reivindicar soberanía para Galiza en todos os eidos e independencia política fronte a unha España que sempre nos marxinou e espoliou!

Galiza e a súa xente só sairá gañando se ten a capacidade de decidir sobre o seu propio futuro e non se este se ve supeditado a decisións que non están tomadas desde unha perspectiva das necesidades que, como nación, temos e reclamamos!

Adiante a II República Galega!