Chegamos ao ano 2025, mais nada muda na situación ambiental que vive a nosa terra.
Na actualidade, Galiza segue baixo a gran sombra do macroproxecto da pasteira Altri que, co beneplácito da Xunta do Partido Popular e a falla de acción desde o goberno central, ten cada vez máis preto poderse instaurar no corazón do país, deixando milleiras de galegas e galegos nunha situación crítica, así como un territorio desolado e falto da súa vida (durante décadas ou incluso séculos) a través da eucaliptización e contaminación da nosa terra.
Isto non é novo. É máis unha mostra do modelo extractivista e colonial que o franquismo impuxo no noso país e que continúa a día de hoxe. A fábrica de ENCE, que leva cerca de 70 anos envelenando o noso aire e o noso mar e condenando a biodiversidade dos nosos montes a un monocultivo de eucalipto, sírvenos de experiencia para saber que este megaproxecto non virá a pechar cadeas de valor nin a traer riqueza, senón a expatriala. A construción masiva de encoros para explotar os nosos recursos hídricos, a apertura da mina nas Encrobas para a instalación da central térmica de Meirama ou a mina de Touro-O Pino son tamén mostra de como a cuestión ambiental no noso país está atravesada polo colonialismo.
O actual goberno do Partido Popular, como xestor do espolio dos nosos recursos, perpetúa o modelo franquista cun modelo eólico depredador, prorrogando a concesión de ENCE até 2073, reabrindo a mina de Touro ou traballando pola implantación da macropasteira de Altri no corazón do país. A isto engádese unha Unión Europea que, baixo a xustificación da necesidade de soberanía enerxética e do desenvolvemento sustentábel, pretende incrementar o extractivismo en territorio galego co proxecto da mina de Doade. Isto á vez que aulenta o gasto militar, unha das actividades que, alén das consecuencias humanas, é das máis contaminantes e consumidoras de recursos do planeta.
As consecuencias no ambiente son evidentes. A perda da biodiversidade marítima e terrestre, contaminación dos nosos ríos e das nosas rías ou as vagas de incendios que asolan o noso país ano tras ano son só algúns dos síntomas dunha xestión dos recursos destinada a encher uns poucos petos.
Desde Galiza Nova, temos claro que a culpabilidade de que esta situación se agrave cada día máis reside nos dirixentes do PP, que mediante a deixadez das súas funcións no relativo ao coidado ambiental, a creación de novas regulacións máis laxas coa explotación do noso territorio e a posta de trabas para que a poboación exprese o seu descontento coa destrución da nosa terra; favorecen a implantación de empresas e grandes lobbies económicos, que o único que buscan é saciar os seus intereses ás costas do espolio e destrución da Galiza. A protección dos nosos recursos naturais é fundamental non só pola súa relevancia ecolóxica, senón porque complexos produtivos chave no noso país como a gandaría ou a pesca dependen dun ambiente xestionado coa cabeza nos intereses de Galiza.
Por todo isto, neste 5 de xuño, Día Mundial do Ambiente, animamos toda a poboación galega, en especial á mocidade, a seguir loitando contra todas as inxustizas que pretenden acabar co noso futuro. Loita que se leva demostrado recentemente coa presentación de alegacións contra moitos dos proxectos que se queren implementar: Altri, Mina de Touro, eólica mariña etc.; así como nas grandes mobilizacións que levou adiante a poboación galega neste último ano frente a destrución do noso ambiente e o espolio colonial en diversos lugares (Compostela, A Pobra do Caramiñal, Pontevedra, entre moitos outros), e que foron crecendo en número e intensidade.
Galiza Nova sempre estará na loita por equlibrar o necesario desenvolvemento social e económico, e a protección do noso territorio; polo que cada vez cobra máis sentido a defensa diaria dos nosos ecosistemas e recursos naturais para beneficio propio e de xeracións futuras, convidando todas a participar en aqueles movementos que loiten pola conservación e proteción da nosa natureza, así como nas distintas manifestacións que se convoquen en busca deses obxectivos.