O Secretario Xeral de Galiza Nova, Alberte Mera, cualifica de demagoxia e revanchismo as acusacións das Novas Xeracións do PP contra Galiza Nova, logo de máis de 65000 persoas clamaren contra a LOMCE en toda Galiza este 24 de outubro.
A organización xuvenil do BNG, Galiza Nova, asegura que continuará informando á mocidade galega dos ataques ao ensino público galego, guste ou non ao PP. A organización nacionalista vén de levar a cabo un intenso traballo de información e mobilización perante a convocatoria de folga, tamén nos centros de ensino, a través de asembleas informativas e encontros co alumnado que se puxeron en contacto coa nosa organización para recibir información sobre os motivos da folga e os contidos da LOMCE.
É una vergoña que o Presidente de Novas Xeracións, Javier Dorado, acuse a Galiza Nova de adoutrinar ao alumnado e de converter os espazos para o ensino en lugares nos que difundir ideario, cando “é o PP quen pretende impornos a súa ideoloxía reaccionaria a través da aplicación da LOMCE”. Alberte Mera quixo lembrar a Javier Dorado que a LOMCE favorecerá aínda máis a relixión en todo o ensino, tamén no bacharelato, e que terá máis relevancia incluso que a lingua e literatura galegas, que se pretende favorecer aos centros que segregan ao alumnado por razón de sexo, e que como ben dixo Wert, o PP quere un ensino para españolizarnos e continuar coa marxinación do galego nas aulas, mesmo favorecendo o acceso a prazas en centros privados (pagadas con cartos públicos) para evitar que o alumnado reciba as aulas no noso idioma.
“as políticas antisociais e antigalegas do PP pronto chegarán ao seu fin porque teñen a todo un pobo en contra!”
Ante as declaración de Javier Dorado, nas que este parlamentario do PP e presidente das mocidades da dereita española pide aos nacionalistas que deixen de buscar nas aulas o que non obtiveron nas urnas, o Secretario Xeral de Galiza Nova, Alberte Mera, quixo recomendarlle que cese de alardear da maioría absoluta, pois non é un cheque en branco nin unha ferramenta para a imposición, e que pola contra, comecen a escoitar ás aulas da Galiza e ás rúas deste pobo que claman polo ensino público e galego. Alberte Mera asegurou que “as políticas antisociais e antigalegas do PP pronto chegarán ao seu fin porque teñen a todo un pobo en contra!”