Cando a empresa portuguesa Altri asomou a cabeza por Palas de Rei co beneplácito entusiasta da Xunta da Galiza, o relato oficial veu envolto no papel de sempre: innovación, sustentabilidade e futuro. A propaganda institucional, financiada con cartos públicos, vendeunos un oasis industrial idílico. Falaban dunha «biofábrica de fibras téxtiles» de última xeración, un proxecto vangardista e verde que ía converter a comarca da Ulloa no epicentro da moda sustentábel europea grazas ao impulso dos fondos europeos Next Generation. Prometían a creación de 2500 postos de traballo directos e indirectos, a panacea contra o despoboamento do interior e un motor económico indiscutíbel para o rural. E ha que recoñecer que, nun principio, o cadro que nos pintaban puido resultar atractivo. Nun país canso de promesas incumpridas, de abandono institucional e de sangría demográfica forzada na mocidade, quen se ía opor por impulso a semellante bocado de prosperidade? O marketing non lles faltou en San Caetano.
O goberno do PP necesitaba desesperadamente un fito industrial que xustificase a súa submisión ao gran capital, unha medalla macroeconómica para tapar anos de desmantelamento dos nosos servizos públicos. Altri era a súa gran aposta, o trofeo que venderon antes de tempo aos fondos de investimento estranxeiros. Porén, a letra pequena non tardou en emerxer do río Ulla. O que ía ser unha factoría ecolóxica resultou ser unha macropastosa de proporcións colosais que pretendía tragar 46 millóns de litros de auga diarios e devolvernos un río contaminado, Altri non viña salvar biodiversidade nin o rural, pretendía ocupar 365 hectáreas de terreo, inutilizando parcelas chave da comarca da Ulloa para o sector agro-gandeiro tradicional. O proxecto tamén non viña fixar poboación, e o seu negativo ía alén do local, ameazaba de morte o abastecemento de auga de ducias de concellos, a horta ecolóxica, a produción vitivinícola das Rías Baixas e, por efecto cascada, a produtividade marisqueira e pesqueira da ría de Arousa. Ademais, a mentira do «téxtil verde» agochaba un impacto forestal devastador, xa que para alimentar semellante monstro se precisaba aumentar a produción de eucalipto na Galiza en, polo menos, 60 000 novas hectáreas, profundando nun modelo de monocultivo pirófilo que arrasa coa nosa terra.
O PP pensou que a maquinaria da Xunta chegaría para soterrar as queixas coa súa eterna maioría absoluta. Equivocáronse. E aí é onde entra a retranca do título: «algo bo tiña que ter»… este monstro de celulosa. O arquivo do proxecto e o freo xudicial non foi a efectiva xustiza, foron o resultado dun pulso social. Altri conseguiu algo que parecía imposíbel no taboleiro político galego das últimas décadas: despertar e unir de forma masiva toda unha sociedade. Na Galiza estamos afeitas a saír á rúa de maneira cotiá para defendermos o que máis perto nos queda, como a saúde pública ou a educación, mais o que vivimos nestes dous anos en Palas de Rei, na Pobra do Caramiñal ou en Compostela xa se situou noutra dimensión. Non viamos unha marea humana de semellante magnetismo e afluencia desde os tempos do Prestige.
Altri cometeu o erro de tocar a terra e a auga, o sustento real e simbólico que nos define como pobo. Ao tentalo, o que conseguiu foi erguer un corpo onde a mocidade, o sector agrario, o mar, o ecoloxismo e o nacionalismo falaron coa mesma voz. O proxecto está detido, as trampas ilegais da Xunta coa protección do solo quedaron ao descuberto, e a nós quédanos a certeza e a autoestima de saber que, cando Galiza se pon en pé, a man alzada do PP e os lobbies transnacionais teñen que recuar. Ao final, a macropastosa si que serviu para algo: para lles lembrar que isto é un país que non se vai deixar vender.
Por iso, porque a vitoria só se consolida mantendo o pulso firme, este domingo temos unha nova cita coa historia e coa nosa dignidade. Non podemos relaxarnos agora: o monstro está ferido, mais o espolio colonial ten mil caras e ameazas como a mina de Touro-O Pino ou as tentativas de Altri por sobrevivir nos despachos exixen que volvamos demostrar quen manda nesta terra. Este domingo 14 de xuño ás 12 horas, temos que inundar a Praia do Vao, na Illa de Arousa, nunha gran manifestación nacional por mar e por terra. Convocados por colectivos como Ulloa Viva, a PDRA e Mina Non, voltaremos a berrar alto e claro pola defensa do Ulla e da Ría de Arousa, para rematar Altri e deixar claro que o noso futuro non se negocia. Alí nos vemos, porque a loita non se detén e Galiza segue en pé.
