Altri: espolio e destrución. Artigo Raquel Aragunde

Raquel Aragunde

O proxecto da macrocelulosa de Altri non é unha novidade nin unha oportunidade: é a enésima versión dunha historia xa coñecida en que Galiza aparece como territorio de sacrificio para explotar, como esa esquina do mapa onde algúns cren que todo pode valer. Así mesmo, infravalorando a intelixencia da sociedade galega, o goberno do PP da Xunta presenta o proxecto envolto en discursos de modernidade e emprego, mais o que realmente ten para ofrecer son uns cantos postos temporais a troco dun impacto que pode hipotecar a nosa terra e a nosa maneira de vivir para sempre.

Porque o que Altri trae non é futuro, senón dependencia, empobrecemento e destrución, e todo isto coa complicidade dun goberno que parece pór alfombra vermella ao espolio en lugar de protexer a nosa terra e as maiorías sociais. Non vén construír tecido produtivo nin industria arraigada no territorio; vén consumir auga e enerxía en cantidades descomunais, degradar ecosistemas que non se poden substituír e colocar sobre as costas da veciñanza unha factura ambiental e social que durará xeracións. Queren convencernos de que esta é a única saída posíbel para as comarcas que sofren despoboamento e precariedade, cando é xusto ao revés: é precisamente esa falta de alternativas a que abre a porta a proxectos que destrúen máis do que crean.

Nesta loita contra a implantación da macrocelulosa de Altri, o que está en xogo non é só Palas, son os ríos, son as terras, as rías, e é tamén a vida das familias que traballaron e traballan arreo para vivir do mar e da natureza que nos sostén. No meu caso, como no de tantas outras galegas, a ría de Arousa non é unha simple paisaxe máis á que facer unha foto no verán para subir a redes sociais: significa traballo, sustento e identidade. Non imos permitir que a destrúan para que outros se enriquezan e nos deixen o desastre enriba da mesa.

Por iso, esta loita é política no mellor sentido da palabra: é defender os bens comúns, a dignidade do territorio e o dereito a decidir un modelo de país que non nos converta en colonia industrial de ninguén. Cada vez que Galiza se ergue contra estes proxectos, demostra que non está condenada ao papel que outros lle asignan, ou máis ben lle pretenden asignar. Máis unha vez, estamos demostrando que somos quen de nos organizarmos e de construírmos o país que realmente queremos e merecemos.

A oposición que a mocidade galega mostramos a Altri non é só un «non»: é un si rotundo a un futuro vivo e soberano, un si á nosa terra, ao lugar en que queremos construír a nosa vida e que queremos deixar para quen veña detrás. É un «non» contundente á idea de que Galiza é sacrificábel ao capricho de intereses alleos e poderosos, e unha afirmación clara de que non imos calar, non imos resignarnos nin permitir que decidan por nós. Este é o momento de erguer a voz, de loitar con todo, e de mostrar que o noso país, a nosa xente e o noso futuro importan de verdade.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *