Houbo unha vez unha vila costeira que foi a máis próspera e habitada da Galiza… Unha vila que, debido á súa situación estratéxica (localizada no fondo dunha ría, con saída directa ao mar) ollou sempre para o Atlántico e chegou a ser un dos principais portos da Europa occidental e, o máis importante, da Galiza. Unha vila que vía, orgullosa, como partían a diario do enorme arrabalde mariñeiro da Moureira (que aínda conservaba 17 peiraos no século XIX) decenas de barcos repletos de viño do Ribeiro e deliciosa sardiña, ese prezado ouro azul da ría. Dirixíanse a toda a xeografía do estado (desde Donosti a Barcelona, pasando polas Illas Canarias…), mais tamén a outras partes de Europa: países como Flandes, Bretaña, Italia, Irlanda ou Inglaterra… Desde o mar do Norte até o Mediterráneo! Unha vila en cuxos estaleiros se construían naves capaces de navegar alén dos límites coñecidos do océano para descubrir novos mundos. Unha vila que foi potencia pesqueira, industrial e comercial, que soubo sobreporse e adaptarse aos novos tempos, converténdose en lugar de veraneo da flor e nata da política galega e española do século XX. Un paraíso natural onde se mesturaban o turismo máis exclusivo coa actividade marítima e marisqueira; atraídos pola beleza das súas paisaxes e a riqueza dos seus fondos mariños. Famosas eran as ameixas dos Praceres, onde centos de mariscadoras apañaban a diario este desexado molusco. E máis célebres eran aínda os areais de Lourizán, onde chegaban moreas de «troles» ateigados de bañistas —na súa maioría pontevedreses— nos días máis calorosos do verán; como mostra o imprescindíbel documental Paraíso Roubado (Lukas Santiago, 2017), que reflicte perfectamente a destrución da riqueza natural, económica e paisaxística que supuxo a chegada da fábrica, así como a loita das mariscadoras que se enfrontaron á feroz represión militar en defensa do pan dos seus fillos.
Mais todo iso cambiou cando, por mor de distintos factores históricos, a Boa Vila entrou nun longo período de decadencia, iniciado no século XVI, que culminou en 1958 coa instalación, sen planificación ambiental ningunha, dunha fábrica da Empresa Nacional de Celulosas (ENCE) ao pé da ría. Foi entón cando veciños e mariscadores viron con impotencia como quedaba sepultado baixo o cemento un dos bancos marisqueiros máis ricos do noso litoral; ese paraíso natural que atraía milleiros de visitantes cada verán a Lourizán; e o máis importante de todo, a súa fonte de vida. Pontevedra perdía así a súa saída natural ao mar, quedando truncado o seu crecemento natural cara á costa. Por primeira vez na historia a capital das Rías Baixas (fogar do gremio de mareantes máis antigo de España) quedaba confinada no fondo da ría e víase obrigada a vivir de costas ao mar. Un mar que tanto lle dera, grazas ao cal prosperara e que lle estaba a ser arrebatado por capricho dun réxime antidemocrático, famento de fábricas para autoabastecerse e aforrar millóns de dólares en pasta de papel. Unha verdadeira inxustiza. Un paraíso roubado, como reza o documental.
Daba comezo entón un proceso de décadas de contaminación, coa pasteira vertendo gases nocivos e residuos tóxicos á auga durante anos, alterando gravemente o ecosistema e provocando a perda de biodiversidade e a desaparición de especies mariñas; así como unha enorme fractura social. A peste olfactiva e a contaminación visual que sofren a diario os veciños foi apoiada historicamente por unha política permisiva que antepuxo os intereses industriais ao benestar ambiental e social mentres ENCE acumulaba condenas, todas elas grazas á mobilización social liderada pola Asociación pola Defensa da Ría (1987) e ao goberno local. Primeiro en 2002 por un delito ecolóxico, que a propia empresa admitiu ter cometido até 1994. E máis recentemente, en 2021, cando a Audiencia Nacional anulaba a indignante prórroga concedida de xeito irregular polo goberno en funcións de M. Rajoy para que ENCE continuase até 2073 na costa de Lourizán.
Abríase así a porta para que a fábrica saíse por fin da ría de Pontevedra, como xa debía ter feito en 2018, pondo fin a un vergoñoso capítulo da nosa historia… Mais unha vez máis, os intereses políticos e económicos pasaban por riba da lei e o do sentido común ao derrogar o Tribunal Supremo esta sentenza en 2023. Lei que a pasteira nunca estivo disposta a respectar, máis preocupada por manter o seu multimillonario negocio que polos empregos ou polo medio ambiente, por moito que se autodenomine como «biofábrica». Empregos que son moitísimos menos dos que xeraría unha ría saneada e ben conservada, como demostran numerosos estudos, por outra banda. Porén, ENCE, sempre reticente a escoitar algunha das numerosas propostas de solución como o traslado a unha nova localización, preferiu arriscar os postos dos seus propios traballadores, seguindo unha política de extorsión e silenciamento mediático, baseada en mercar vontades e simpatías mediante patrocinios ou ofrecendo postos a excargos públicos no seu consello de administración, entre eles unha exministra e un exconselleiro, co fin de modificar ao seu antollo leis coma as de costas e a da mudanza climática; ademais de condicionar a infame política forestal galega, excesivamente permisiva cunha eucaliptización que pon en perigo a integridade e a supervivencia ecolóxica de todo o país.
E por iso estaremos alí, máis un ano, loitando contra esa aberración persistente que supón a expansión da industria das celulosas. Se callar con máis motivo aínda, debido á presenza dunha nova ameaza que se cingue sobre o país. Falamos de Altri, esa multinacional portuguesa que, amparada polo goberno corrupto da Xunta; proponse construír unha macrofábrica en Palas de Rei, outro entorno natural, en pleno corazón da Galiza. Preséntase como un proxecto «verde», con promesas de emprego e sustentabilidade. Mais a realidade é ben distinta. O proxecto contempla un uso masivo de recursos naturais: millóns de litros de auga ao día extraídos do río Ulla, emisións de gases e residuos industriais e un modelo forestal que favorece o monocultivo de eucalipto, esa árbore invasiva, altamente inflamábel, empobrecedora do solo, que non é nativa e substitúe e aniquila o bosque local (con razón Castelao deu en chamala «a árbore sen alma»). Usos, todos eles, que contradín as exixencias estabelecidas no Pacto Verde (2019) e a Estratexia da Biodiversidade da UE (2020) e ameazan as actividades agrícolas e gandeiras da zona e o abastecemento das poboacións locais.
É especialmente frustrante e indignante ver como o goberno nacional ignora constantemente as advertencias da comunidade científica e as constantes mobilizacións sociais que alertan do elevado custo humano e ecolóxico. Un modelo que estes xigantes, camuflados baixo un discurso de desenvolvemento económico, emprego e sustentabilidade, responde realmente a un modelo extractivista e depredador, que degrada o entorno, xera poucos (ou ningún) beneficios locais e deixa unha fonda pegada a longo prazo que ameaza o porvir destas comunidades. Porque malia as mentiras que a Xunta se esmera en difundir, é por todos coñecido que a produción de celulosa non é inocua nin para as persoas nin para o medio ambiente.
Os seus detractores tan só exiximos que se cumpran as leis e directrices de Costas e da UE, que se respecten e protexan entornos naturais tan vulnerábeis como a ría de Pontevedra e a comarca do Ulloa, que posúen un potencial incalculábel en sectores como o turismo sustentábel, enerxías renovábeis e transformación de produtos do campo e do mar. Porque apostar por industrias opacas e contaminantes é hipotecar o noso futuro. Porque a loita contra ENCE e Altri é un acto de defensa da terra, do medio e dun modelo de vida sustentábel e perdurábel para o país. Porque queremos os nosos ríos, rías, montes e vilas libres do expolio de intereses nocivos e alleos ao noso territorio. Por iso, este vindeiro 1 de xuño, as galegas e os galegos demostraremos unha vez máis a nosa conciencia socioambiental e a nosa capacidade de mobilización. A loita por unha Galiza verde, xusta e soberana continúa. Este domingo, convidámoste a unirte a nós na marcha contra as celulosas. Porque non pararemos até frear este novo atentado ecolóxico e recuperar por fin, dunha vez por todas, o noso vello paraíso roubado. Este domingo, Galiza volverá a berrar ben alto: ENCE fóra da ría! Altri NON!