ALTRI. O espolio que se repite. Fóra as vosas mans da nosa terra!

Logo da implantación de ENCE na ría de Pontevedra, cos problemas que xerou para a nosa terra, agora pretendese que outra celulosa sexa implantada en Galiza.

Este novo proxecto impulsado pola empresa portuguesa Altri, vén da man da alianza con Greenalia, da que forma parte a ex-conselleira do Partido Popular, Beatriz Mato; que busca, co beneplacito da Xunta do PP, o establecemento dunha nova megafactoría de celulosa (10 veces máis grande ca ENCE) en Palas de Rei, Lugo. Dita alianza fraguase ca creación da empresa Greenfiber, unha filial renomeada de Greenalia e na que se atopa a cúpula directiva de Altri, que pensa aproveitarse das augas do río Ulla para levar a cabo a súa actividade durante un período de 75 anos, sen ter en conta o terrible impacto ambiental e social que existiría tanto na comarca da Ulloa como no resto do noso país.

Para levar a cabo a súa actividade, a megafactoría consumirá 46.000.000 de litros de auga diarios (o mesmo que toda a poboación da provincia de Lugo), e xerará cerca de 30.000.000 de litros de vertidos industriais, que  voltarán ao curso do río Ulla. Posteriormente, desembocarán na ría de Arousa, contaminando máis de 100 kms de curso fluvial e preto de 3.000 km2 de cunca hidrográfica, como se pode comprobar nos precedentes existentes por esta mesma actividade no río Texo ao seu paso por Portugal. A isto unirase, a maiores, a contaminación ao aire polas emisións de díóxido de xofre e óxido de nitróxeno, así como a existencia de moitísimas máis plantacións de eucalipto (ata 60.000 hectáreas) para poder levar a cabo a produción.

Todo o anterior, terá unhas consecuencias terribles para a biodiversidade da zona, afectando á flora e fauna autóctonas pola eliminación dos espazos naturais onde se asente propiamente a fábrica (máis de 300 hectáreas), así como pola diferente contaminación que mermará moito os recursos necesarios para  a súa supervivencia. Situación que se estenderá tamén ao ámbito socieconómico, tanto no mar como na terra, polo empeoramento das condicións de vida e laborais, ca afectación e destrución de miles de postos de traballo e da economía local de sempre (agro, pesca, marisqueo, turismo, etc.) a costa duns poucos postos de traballo.

Logo de ver todo isto, queda claro que non é máis que outro grande negocio para o Partido Popular e os diferentes lobbies económicos, mentres se aproveitan do noso territorio ao seu antollo para levar a cabo actividades que noutros lugares non lles son permitidas. O futuro que nos agardaría coa creación desta fábrica conlevaría a insalubridade do territorio e dos seres vivos que habitamos nel, a falta de emprego respectuoso co noso medio e que xestione os nosos recursos de xeito razoábel, destrución e imposibilidade de desenvolvemento dos nosos sectores produtivos, sen biodiversidade e sen seguridade ante os incendios nos nosos montes, que ano tras ano vemos como arrasan o noso país, e que se verían incrementados sustancialmente por culpa da eucaliptización, como xa se viu en Portugal vai pouco tempo. En definitiva o futuro que nos agardaría sería o de máis espolio e colonización da Galiza, e un futuro queimado para a mocidade galega.

As mozas e mozos deste país non estamos dispostos a que esto sexa así, e seguiremos en pé na defensa dun país rico, productivo e diverso. A mobilización social ten que ser unha das principais armas contra as decisións políticas e xurídicas que hipotecan o noso futuro, polo que animamos a todalas persoas a organizarense na defensa do territorio, e a apoiar aos actos e alegacións impulsados contra o proxecto por ADEGA, ou plataformas como Ulloa Viva ou Altri Non.

DEFENDAMOS A NOSA TERRA DOS INTERESES ESPURIOS!