Manifestación Nacional contra Altri 15D

Durante esta semana coñecimos unhas declaracións e actitudes insultantes por parte do presidente da Xunta do Partido Popular Alfonso Rueda a respecto de ALTRI e a resposta cidadá ao proxecto.

Nos últimos días, moitas das persoas e asociacións que presentaron alegacións contra a implantación desta macrocelulosa no corazón da Galiza están a recibir requirimentos que deben ser respondidos no prazo de 10 días hábiles ou, caso contrario, as ditas alegacións serán desestimadas. Esta manobra mostra un claro desprezo pola participación cidadá, que foi reafirmado coas últimas declaracións do señor Rueda, en que trata a oposición ao proxecto como «unha minoría» que entregou un «modelo de alegacións moi parecido». Baseándose nisto, o presidente chegou a dicir que considera válidas só o 1 % das case 25 000 alegacións presentadas.

Alén disto, os medios públicos da CRTVG están a ser utilizados como altofalante de ALTRI, con anuncios de longa duración na televisión ou discursos na radio promocionando os supostos beneficios da súa implantación no país.

Desde Galiza Nova, denunciamos o desprezo sistemático do movemento social por parte do Partido Popular e a manipulación da opinión pública a través dos medios de comunicación que deberían ser de todas as galegas. Por moito que tenten hipotecar o futuro da nosa terra e do noso pobo en beneficio propio e dos seus lobbies amigos, sempre terán a mocidade nacionalista galega en contra dun proxecto que implicaría a riqueza duns poucos ás costas da pobreza de moitos.

Por todo isto, desde a nosa organización, seguiremos a apoiar todos aqueles colectivos que defendan o noso país e animamos toda a poboación a participar na manifestación nacional convocada o próximo 15 de decembro en Compostela contra ALTRI.

Deixamos aquí unha ligazón con diferentes modelos de resposta aos requirimentos que están a chegar.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *