AÍNDA ESTÁS A TEMPO DE TELONEAR O FESTIGAL!

O concurso “Novos Valores Festigal” amplía o prazo de presentación das maquetas até o 15 de abril, co fin de abrirlles as portas á creatividade dos grupos e artistas emerxentes galegos que canten en galego e ante a demanda existente. As bases poden consultarse na web do Festigal http://festi.gal/bases-do-concurso-novos-valores-do-festigal-2015/

O concurso posto en marcha pola comisión Festigal e Galiza Nova pretende servir de plafaforma de difusión de artistas noveis en momentos en que a maioría das institucións tratan con desleixo a creación musical do noso país e recortan orzamentos públicos destinados á cultura galega, ao tempo que promoven artistas de fóra que demandan grandes cachés, como o recente caso de Enrique Iglesias.

O premio para o grupo gañador será abrir o Festigal2015 na noite do 24 de xullo e 300€ para gastos.

O certame está aberto á participación de grupos amadores e profesionais, de todos os estilos, que empreguen a lingua galega nas súas letras.

O novo prazo de presentación de traballos remata o 15 de abril e deberán entregar unha maqueta e un vídeo dunha gravación dun ensaio, que será obxecto de votación por parte do público co método de compartilo na páxina do Facebook do Festigal. Os grupos máis compartidos pasarán a un xurado integrado pola Comisión do Festigal e polo músico Xurxo Souto.