Novamente, neste 24 de decembro, vémonos na obriga de respostar ao discurso televisado de Felipe de Borbón. A monarquía española leva séculos sendo un cárcere para os pobos, unha institución anacrónica que chega ata os nosos días. Desde Galiza Nova consideramos que chegou a hora de rematar con ela.
Co cambio de cromos entre Juan Carlos I e Felipe VI comezou unha operación de branqueo da monarquía, mais a corrupción da familia real axudou a derrubar o falso relato imposto de exemplaridade. Neste ano 2020 non só se destaparon novas corruptelas dos Borbóns, senón que vimos como o autodenominado “goberno máis progresista” cubriu a fuxida do emérito e bloqueou, xunto co resto dos partidos que sustentan o réxime do 78, que dese conta dos seus negocios e comisións. A podremia do estado español vai máis aló desta institución restituída por Franco e invade tamén aos partidos da esquerda que noutrora tanto clamaron contra ela e agora mantéñena totalmente protexida.
Desde Galiza Nova consideramos que a monarquía é un rexime totalmente inxusto, ao facer prevalecer os privilexios por nacemento dentro dunha familia mantendo a sociedade dividida entre amos e vasalos. Ademais, perpetúa a idea centralista e imperialista do estado español, valéndose do autoritarismo para subxugar aos pobos e obrigalos á dependencia, e cunha estratexia de combate feroz para eliminar todos os trazos da nosa identidade nacional, como pode ser a nosa lingua. Esta condena trae consigo tamén que na Galiza teñamos os salarios e as pensións máis baixas, limitando a posibilidade das mozas galegas de desenvolver proxectos vitais dignos, e en definitiva, impoñéndonos unhas peores condicións de vida.
Precisamos rachar coa monarquía e coas cadeas do estado español, polo que renovamos a aposta por un 2021 cheo de loita pola nosa liberdade e pola construción da República Galega.
POR UNHA SOCIEDADE SEN AMOS NIN VASALOS!! GALIZA NON TEN REI!