Apoiamos as concentracións contra o asasinato machista en Vilalba

Vimos de coñecer o novo feminicidio acontecido na mañá de hoxe en Vilalba. A muller, de 48 anos, estaba divorciada do seu asasino sobre quen pesaba unha orde de alonxamento e que foi atopado aforcado no garaxe tras acoitelala a ela no pescozo.

Levamos xa moito tempo expresando a nosa preocupación polas estatísticas que rodean á violencia machista na Galiza así como poñendo o foco en todas esas violencias invisibilizadas que, malia non formar parte das devanditas estatísticas, supoñen tamén un eixo de intranquilidade para o feminismo que si as ten moi en conta. Todo isto non fai máis que mostrar a apremiante necesidade de resposta.

Dende Galiza Nova reclamamos, máis unha vez, a fin da violencia contra as mulleres e esiximos responsabilidades e medidas urxentes para acabar cos feminicidios. Son necesarias medidas políticas e institucionais que non se queden en arañar a superficie do problema, fai falta máis que condenar públicamente a violencia machista ou convocar un minuto de silencio. Precísanse medidas integrais que atallen esta lacra de xeito transversal, que vaian dende a mellora dos mecanismos de defensa das mulleres ata a educación pasando por unha protección efectiva da nosa integridade física, psicolóxica e social e unha xestión real e efectiva das axudas, tanto económicas como de calquera outra índole. Só combatendo dende todos os eixos o machismo inserido na sociedade seremos quen de acadar outro modelo de relacións, sociais e sentimentais, baseado na equidade.

Denunciamos tamén o amarelismo da prensa que se fai eco da noticia do xeito máis morboso tentando sacar o maior rédito de tan gravosa situación e que, como xa é habitual, terxiversa a noticia e manipula as palabras quitándolle peso ao feminicidio e perpetuando unha visión da violencia machista que obvia o peso da educación e da asimilación da norma do patriarcado nestas situacións pretendendo facelas pasar por casos illados cometidos por homes violentos ou con problemas psicolóxicos. Fronte a isto defendemos, máis unha vez, que a violencia machista é froito da educación patriarcal que nos sitúa ás mulleres por debaixo dos homes na sociedade chegando, en ocasións, a tratarnos como unha posesión máis da que se poden desfacer cando xa non lles funciona como eles queren.

Por iso, dende Galiza Nova animámosvos a saír á rúa este martes 23 de xullo nas distintas vilas do país para denunciar este novo feminicidio e toda a violencia que se exerce sobre as mozas e mulleres e esixir as medidas necesarias para cambiar esta situación e a aplicación de políticas feministas que garantan un cambio radical na situación de todas nós. Lembramos que isto non é un caso illado, aconteceu e seguirá a acontecer, pero sairemos á rúa cada vez e seguiremos alzando as nosas voces, organizándonos e loitando por que somos mozas, mulleres e feministas. Somos semente de vencer e QUERÉMONOS VIVAS!