Apoiemos o sector leiteiro galego!

O sector leiteiro galego está a vivir unha das súas crises máis fortes nos últimos anos. O prezo ao que venden o leite non chega nin para cubrir gastos. Mentres tanto, o goberno da Xunta de Galiza e o do estado español non fan máis que agochar a orella diante da Unión Europea, desprezando ás nosas gandeiras e gandeiros. Mais a Unión Europea tampouco intervirá directamente no prezo do leite. A partir dunha reunión extraordinaria do Consello de Ministros de Agricultura, anunciaron que se limitarán a dar subvencións, cuxo capital procede das multas por sobreprodución que a UE cobra ás explotacións.

Algunhas das medidas máis urxentes a aplicar, segundo expuxo a Federación Rural Galega, serían as seguintes:

  • Garantir a recollida da totalidade do leite con prezos que fagan rendíbeis e garantan o futuro das explotacións.
  • Crear un marco de contratos, que dean capacidade de negociación coas industrias ás explotacións.
  • Por en marcha medidas para favorecer a xeración do valor engadido do leite na Galiza, transformándoo en produtos derivados como iogures, queixos, etc. Actualmente, empresas de fóra recollen o leite galego a baixo custo para levalo a outros países e transformalo en produtos moi valiosos, polo tanto, a riqueza xerada coa materia prima do leite vai para fóra de Galiza.

Por todo isto, dende Galiza Nova animámoste a participar da manifestación deste xoves 10 de setembro ás 12h dende Salgueiriños.