O vrau comezou con moi boas novas. A ilusión, alegría e parabéns dunha vida solucionada impulsaban os inicios cun sorriso ben grande no rostro de todas nós. Aterramos coas ganas de cambialo todo e coa certeza de tornar as ideas en realidade, a teoría na práctica. Confiabamos na posibilidade de darlle forma a todo aquilo que cociñaramos durante meses, crendo en que era a maneira de remover consciencia e impulsar a mocidade ao cambio. Porén, a chegada á terra distanciouse do que figuraba no papel.
Dicía un dos docentes do mestrado que as persoas acabadas de chegar se cheiraban xa dende lonxe. A inquedanza e inseguridade iniciais delataban a nosa identidade de primeirizas. Porén, non foron só os nervios iniciais os que nos trouxeron ata o día de hoxe, senón a enorme montaña de cousas descoñecidas que se nos puxeron por diante. Programacións, informes, avaliacións iniciais, material para exentos, reforzos, alumnado coa materia pendente, tratamento individualizado…
A ilusión tórnase agonía cando diante de ti hai máis persoas das que es capaz de coñecer. Non se pode controlar aquilo ao que non es quen de chegar. E, precisamente, as ratios non axudan a conseguilo. Dicía o noso conselleiro nesa gran gala de publicidade e inauguración inicial que a nosa comunidade era pioneira nas ratios, e desculpe a miña ignorancia, pero trinta alumnas por aula con seis grupos por diante parécenme suficientes para saírse do noso control.
A falta de medios e recursos para chegar a todo provoca en nós a culpabilidade de sentir que nunca chegas a tempo. Hai uns meses que unha benquerida compañeira lembraba os asubíos da Course Navette, declarando que levaba sen ter esa sensación dende 3º da ESO. “Sentía os asubíos e vía que non chegaba, non chegaba, non chegaba…”. E, efectivamente, a dura realidade é que é imposible chegar.
E se dentro da aula os asubíos resoan unha e outra vez, fóra dela segue a inquedanza. A xustificación de todo o noso traballo por escrito obríganos a pasarmos horas e horas da tarde dedicadas ao papeleo e á burocracia, de maneira que queda á beira a necesidade de prepararmos aulas para o día seguinte.
Non menos importante me parece chamar a atención sobre os últimos datos que ilustran a situación da lingua no noso país. Para as miñas compañeiras de materia, de Lingua e Literatura Galegas, e para min supoño que non foi sorpresa ver sobre o papel a realidade do día a día. O galego agóchase dentro dalgúns, que presos co medo da discriminación, prefiren sacalo a relucir entre as catro paredes da súa casa (quen teña a fortuna!). E por moito que as reflexións rematen sendo positivas, sen que as crenzas se tornen en feitos a situación non vai cambiar.
Preguntáballes, nunha das miñas aulas da semana pasada, ás persoas acabadas de chegar ao país se se sentían cómodas coa metodoloxía que o sistema propoñía para elas co fin de aprenderen o galego. Falo dun total de vinte e nove persoas nunha aula de primeiro da educación secundaria obrigatoria, das cales dez puxeron os pés no noso territorio apenas hai uns meses. A Xunta di que deben adquirir o nivel do resto das súas compañeiras en dous cursos académicos (independentemente da data da súa incorporación) e que para iso deben manterse na mesma aula, xunto co resto de compañeiras, e unha única profesora. A Lei di: igualdade de oportunidades, tratamento individualizado, atención á diversidade, traballo cooperativo, metodoloxía innovadora e un logo etcétera de luces e cores… pero que superpoder debemos desenvolver para chegar? O problema non é que as rapazas e rapaces estranxeiros non teñan interese nin ilusión por aprender unha lingua nova; tampouco que non recoñezan a necesidade de falar e respectar o idioma do territorio no que se instalan; nin moito menos que non sexan coñecedoras da situación de emerxencia na que nos atopamos. O problema é que non hai medios para desenvolver unha inmersión lingüística de calidade. O problema é que as mans dispostas a dálo todo en cada centro non son suficientes para ofrecerlle a cada unha destas alumnas a atención que merecen. E iso non é un problema de implicación, ilusión ou capacidade de todas nós, é un problema de xestión e abandono dunha educación pública de calidade.
Os tempos corren e mudan, mais a loita segue en pé, porque a realidade esmaga e nubra a ilusión. Porque non podemos desenvolvernos sen un sistema que siga a nosa corrente, que facilite e mellore os medios para podermos chegar ao final da meta sen perdermos o alento.