“Xa non quedan pisos no Ensanche, sentímolo”. Isto nos dicían o pasado 2 de xullo nunha inmobiliaria de Compostela tras días de colas na busca dun piso para este curso. Respostas semellantes recibían outras persoas que buscaban un piso para residir o ano completo, mesmo habitantes da propia cidade buscando emanciparse.
A imposibilidade de atopar unha vivenda a un prezo asumíbel converteuse nun dos problemas máis graves dos últimos anos, especialmente para a mocidade debido ás nosas condicións máis precarias e á incapacidade para emanciparnos. Os alugueiros inaccesíbeis, os baixos salarios e a inestabilidade laboral conforman un paradigma de sobrecarga económica, limitando a nosa autonomía e reducindo a nosa calidade de vida.
Antes de entrar en cuestión, cómpre termos presente unha premisa: a vivenda como dereito fundamental vai máis alá de ter un lugar onde vivir, implica a capacidade de acceder a un espazo que permita desenvolver unha vida digna. E este espazo, no noso caso, está estreitamente ligado ao territorio. Dito doutro xeito, o dereito á vivenda non se limita a garantir a necesidade habitacional, senón que nos permite desenvolver os nosos proxectos de vida no país. Mais, que fai da mocidade galega un sector vulnerábel a sufrir as consecuencias desta crise?
Máis aló de causas estruturais como as inevitábeis crises do sistema económico, que provocan a suba dos prezos e o empeoramento das condicións de vida, o panorama galego presenta unha serie de particularidades que fan do nacionalismo a ferramenta de loita máis eficaz para lle plantarmos cara a esta crise.
Galiza, como país que enfronta un forte problema de despoboamento, sofre o desequilibrio de mercado entre as cidades e o rural. Mentres o noso rural fica baleiro pola falta de servizos e cheo de vivenda deshabitada, as nosas cidades, afectadas pola presión turística e as nulas políticas para aliviar o mercado da vivenda, non conseguen soportar a demanda. Isto, sumado á nosa condición de poboamento disperso e á deficiente rede de transportes, fai imprescindíbel a residencia nos lugares de ensino ou traballo. De non ser así, resultaría unha misión case imposíbel para calquera de nós acceder ao ensino superior.
Este factor agrávase cun problema máis actual, a forte suba do turismo nos últimos tempos, especialmente na Coruña e Compostela. De aí o rexeitamento a un modelo de cidade que promove o turismo de masas, expulsando as residentes, mais tamén as estudantes, cara a lugares cada vez máis afastados dos centros de vida. Algúns diranlle “turismofobia”, eu diría “veciñofilia”.
Sobra dicir que o forte impacto do turismo ao que se ven sometidas algunhas das nosas cidades alimenta a temporalidade laboral, sendo cada vez máis complicado ter contratos estábeis, o que facilitaría notabelmente o acceso á vivenda.
En definitiva, estas condicións singularizan o caso galego e afondan na urxencia de deseñar políticas de vivenda adaptadas á nosa realidade. Só ollando de preto as necesidades reais da mocidade galega será posíbel artellar ferramentas que garantan o acceso a unha vivenda digna e nos permita crear un modelo que non nos expulse dos centros de vida porque “xa non quedan pisos no Ensanche”.