A obra de Castelao, pai do nacionalismo galego, segue máis vixente hoxe que nunca. O seu compromiso coa lingua, coa cultura e coa loita pola xustiza social continúa a inspirar a xeracións enteiras que soñamos cun futuro digno para a nosa terra. Dende Galiza Nova quixemos facer esta pequena exposición para mostrar a nosa realidade actual a través dos seus ollos, ligando as súas denuncias e esperanzas co presente que vivimos e o país que queremos construír.
Esta exposición itinerante inclúe obras “Na Galiza non se pide nada. Emígrase” e “O que sinto eu é que algún dos que maltratou a miña nai morra denantes que eu chegue a home recollidas no Álbum Nós (Fonte: editorial Galaxia), os debuxos “Pobriño” e “Así quixeron que fose sempre a nosa terra” (Fonte: Fundación ABANCA) e o cadro “A derradeira lección do mestre (Fonte: Centro Galicia en Bos Aires, Arxentina). Todas as obras van acompañadas da análise actual que facemos como mocidade nacionalista.
“Na Galiza non se pide nada. Emígrase” (Fonte: Fundación Abanca)

A emigración na Galiza non é só cousa do pasado. A día de hoxe segue a ser un dos maiores dramas que afectan á nosa sociedade. Os datos son alarmantes: no 2023, máis de 7.000 mozas e mozos galegos menores de 35 anos fixeron as maletas para emigrar a outros países buscando unha vida mellor, un 21 % máis que no ano anterior. Este incremento dramático é froito en parte do fracaso rotundo das políticas da Xunta en materia de mocidade, e é espello da falta de oportunidades laborais, de acceso á vivenda e da ausencia de políticas públicas pensadas realmente para fixar poboación nova no país. Mentres o goberno de Rueda presume do récord de retornos —8.500 persoas, na súa maioría maiores de 40 anos—, ignora que cada vez máis xuventude ve como única saída fuxir da precariedade que se vive en Galicia.
Desde Galiza Nova levamos anos advertindo desta situación e propoñendo medidas concretas: un plan integral para o retorno da mocidade emigrada, con acceso garantido a emprego digno e vivenda pública; a creación dun salario de inserción xuvenil que permita iniciar proxectos de vida en Galicia; a gratuidade real do ensino universitario e de FP; e investimentos estruturais no rural, para garantir alternativas de futuro máis alá das cidades.
Non chega con traer xente de volta: hai que garantir que quen regrese —ou quen queira ficar— poida facelo cun proxecto de vida digno e en liberdade. A mocidade galega non emigra por espírito aventureiro, senón porque a Xunta lles pecha todas as portas. É hora dun cambio real de modelo, non podemos permitirnos agardar un minuto máis.
“O que sinto eu é que algún dos que maltratou a miña nai morra denantes que eu chegue a home” (Fonte: Fundación Abanca)

A violencia machista continúa a ser unha das maiores lacras sociais do noso país. Lonxe de avanzar, estamos vivindo un alarmante aumento destas violencias: aumento dos feminicidios (14 en todo o Estado no que vai de 2025), aumento das agresións sexuais e aumento das violencias psicolóxicas e institucionais contra as mulleres. Esta realidade, ademais, é especialmente preocupante cando vemos como os discursos negacionistas gañan espazos, alimentados por sectores reaccionarios que queren facernos crer que a desigualdade non é real e que o feminismo non é necesario.
A situación non é nova, en viñetas como esta Castelao xa poñía voz á dor das crianzas que vían como as súas nais eran maltratadas polo simple feito de ser mulleres. Esta imaxe transmite o odio visceral contra quen exerce a violencia machista, mais tamén nos obriga a reflexionar sobre o peso da dor herdada e a resposta social que damos como pobo.
Neste contexto, é máis necesario que nunca que a mocidade galega se organice no movemento feminista, desde unha perspectiva transformadora, nacional e de clase. Só así poderemos avanzar cara unha Galiza onde todas as persoas sexamos verdadeiramente libres e iguais, e onde as mulleres, especialmente as mozas e as máis precarizadas, poidan desenvolver os seus proxectos de vida sen medo, sen violencia e sen subordinación.
O feminismo non é so unha loita pola igualdade formal, senón unha ferramenta de liberación colectiva que cuestiona os alicerces dun sistema patriarcal e capitalista que se sustenta sobre a opresión das mulleres. Nese camiño, é fundamental tamén repensar como afrontamos as violencias: sen renunciar á firmeza coas agresións, debemos seguir construíndo alternativas antipunitivistas que apostan pola reparación, a xustiza transformadora e a educación social como vías para mudar a conciencia colectiva e erradicar o machismo da nosa sociedade.
“Pobriño” (Fonte: Editorial Galaxia)

Nesta viñeta, Castelao amosa a través da retranca como os poderosos tratan de facerse pasar por vítimas. A personaxe que fala representa ao cacique clásico: alguén que leva toda a vida controlando os recursos, a política local e as vidas da xente, pero que se presenta como maltratado no momento en que se lle cuestiona o seu poder.
O caciquismo foi unha estrutura que marcou na historia de Galiza, baseada principalmente no clientelismo. Mais hoxe, ese caciquismo non desapareceu, senón que adoptou novas caras, novas estratexias. Segue presente en moitos concellos, especialmente do interior. Exemplos son a herdanza do baltarismo, con todos eses postos a dedo e favores a cambio de lealdade política. Un control político de tal magnitude que pasou dunha xeración a outra coma se fose unha dinasatía ata que deu de si. Mais ainda hoxe, con distinto apelido, continúa o seu legado.
Dende Galiza Nova denunciamos que hoxe, igual ca no tempo de Castelao, quen ostenta o poder para o beneficio propio emprega o vitimismo para evitar que se lle critique. Vémolo cando a mocidade organizada levanta a voz contra a censura cultural e recibe como resposta desprezo ou criminalización. Vémolo cando se denuncia a falta de recursos nos barrios ou no ensino público e se nos acusa de radicais.
Por iso recuperamos esta obra de Castelao, para lembrar que o caciquismo, aínda que cambie de forma, segue a ser unha ameaza para a democracia real, a liberdade cultural e os dereitos da mocidade. Fronte a el, nós organizámonos, loitamos e facemos cultura combativa, aberta e libre. Porque non imos calar diante de quen quere seguir mexando por nós.
“Así quixeron que fose sempre a nosa terra” (Fonte: Editorial Galaxia)

Deste xeito simbolizaba Castelao o que hoxe a sociedade galega seguimos a padecer: unha estrutura económica colonial onde Galiza produce mais non decide. A nosa terra posta ao servizo dun Estado que nos usa como reserva extractiva mentres centraliza o poder e o lucro lonxe de aquí.
O caso de Altri é boa mostra desa lóxica de espolio. Cun discurso “verde” e de suposta modernidade pretenden converter Galiza nunha plataforma loxística para o beneficio dunha multinacional portuguesa cun modelo baseado na destrución ambiental e a explotación do noso rural. Todo isto financiado con fondos europeos e co visto e prace do goberno do Estado e da Xunta, auténticos intermediarios do capital alleo.
O mesmo acontece co sector enerxético, cos nosos montes e mares cheos de parques eólicos planificados dende Madrid ou dende empresas alleas sen participación nin beneficio para a sociedade galega. Galiza produce máis do que consome, pero pagamos a luz máis cara e sufrirmos un abandono estrutural en transporte, industria e servizos públicos.
O que está en xogo é quen controla o pesebre e quen leva os tetos. Se os recursos nacen aquí deben xestionarse aquí. Dende Galiza Nova sempre denunciamos este modelo colonial, camuflado de modernidade, que nos promete futuro á mocidade mentres nos espolia o país. Queremos unha Galiza que decida, que produza para si e que rache con toda dependencia. Porque quen alimenta a vaca correspóndelle decidir que facer co leite.
“A derradeira lección do mestre” (Fonte: Centro Galicia en Arxentina)

Hai agora 80 anos, Castelao pintaba no exilio a cara máis dura do golpe de estado franquista, o asasinato do seu amigo e compañeiro militante Alexandre Bóveda a mans do bando sublevado. Un cadro que representaba o intento do fascismo de aniquilar o nacionalismo galego e calquera voz que clamase pola liberdade do noso pobo. Comezaba así unha longa noite de pedra para o noso pobo, unha etapa de represión e man dura contra toda a nosa cultura e tradición popular, contra a nosa lingua, e como non, contra a clase traballadora galega.
Hoxe, o fascismo muda de forma mais non desaparece. Nos últimos anos vivimos con preocupación o auxe das dereitas reaccionarias, abandeiradas dunha nova ideoloxía chamada neoliberalismo, unha corrente neo-fascista adaptado ao século XXI que defende e glorifica os máis violentos ditadores da Europa da segunda guerra mundial nun intento desesperado por preservar a toda costa un sistema vido a menos, obsoleto e inxusto chamado capitalismo. O seu nome é novo mais o seu obxectivo segue a ser o mesmo: perpetuar un sistema inxusto e manter o pobo galego submiso.
Na Galiza, esa ofensiva tamén ten rostro e siglas. Un partido fundado por franquistas segue a capitalizar o poder, utilizando as institucións para censurar, manipular e desgaleguizar. Promoven proxectos coloniais como Altri, incumpren os acordos de normalización lingüística, degradan o ensino público e entregan o país ás mans do capital e dos intereses do Estado español.
Pero desde Galiza Nova temos claro que estamos do lado de Castelao, de Bóveda e de todas as que loitaron por unha Galiza sen opresións. Fronte ao neofascismo disfrazado de democracia, organizamos a mocidade para defender unha Galiza ceibe, popular e soberana. Unha Galiza onde nunca máis haxa que pintar mestres asasinados, porque o fascismo (nin en traxe militar nin en garavata) non terá espazo para medrar.
